Medio Rural colaborou na xornada de promoción do chícharo da cova que se celebrou esta fin de semana en Xermade
Medio Rural da Deputación de Lugo colaborou coa cooperativa chairega Almoga na organización dunha xornada de promoción do “chícharo da cova”, unha leguminosa que ofrece diferentes formas de aproveitamento e cuxo cultivo se está a recuperar nos últimos catro anos.
A xornada, que se celebrou na Antiga Casa do Sindicato de Xermade, contou coas intervencións de Fina Felpeto, presidenta da cooperativa, e de Susana Trastoy e Marcos Besada, técnicos, que expuxeron distintos aspectos da labor de recuperación deste cultivo como vía de diversificación produtiva das granxas e alternativa para avanzar na soberanía alimentaria real, tanto para a poboación como para os propios animais.
A actividade celebrouse coincidindo co Día Internacional das Mulleres Rurais, unha data dedicada ao recoñecemento da contribución das mulleres ao desenvolvemento rural e agrícola. O espíritu da efeméride estivo presente tamén na xornada, xa que a conservación e recuperación do "chícharo da cova" está fundamentalmente en mans de mulleres
A área dirixida por Mónica Freire apoia as diferentes iniciativas de promoción e asesoramento que a cooperativa ofrece a gandeiros e gandeiras ao longo do ano cunha achega de 5.000 euros.