Recepción á piragüista Tania Fernández, campioa do mundo de maratón en K2, na Deputación de Lugo
A vicepresidenta da Deputación de Lugo e o deputado de Deportes recibiron este martes no Pazo de San Marcos á piragüista lucense Tania Fernández, que ven de lograr, canda a grovense Tania Álvarez, a medalla de ouro no Campionato do Mundo de Maratón en K2.
Maite Ferreiro e Efrén Castro felicitaron á deportista polo resultado acadado o pasado 2 de outubro en Ponte de Lima (Portugal) e valoraron a súa traxectoria deportiva e persoal como un exemplo e un estímulo para rapazas e rapaces que se están a formar nos clubs lucenses. Nese senso, durante o encontro a piragüista lembrou os seus inicios do Club Fluvial de Lugo e valorou o pulo e a popularidade que adquiriu o deporte nos últimos anos, con maior accesibilidade a equipamento, instalacións e recursos para a súa práctica desde as primeiras idades. Tamén compartiu o seu interese porque se afonde na incorporación da perspectiva de xénero aos estudos e programas de preparación técnica e física.
Traxectoria
Tania Fernández iniciouse na práctica do piragüismo no Club Fluvial de Lugo. A súa boa traxectoria nos primeiros anos de competición levouna a ingresar no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra onde compaxinou a súa formación cos adestramento, logrando encadear exitosas participacións en campionatos estatais e europeos en diferentes categorías. As súas catro participacións no Campionato do Mundo de Maratón remataron cun sitio no podio. Coa medalla de bronce, en 2018. A de prata, en 2019 e 2021. E a de ouro, este 2022.