Lugo acollerá o mércores a última gran festa do Correlingua, coa participación de máis de 400 alumnos e alumnas
O Correlingua pechará a edición deste ano o mércores 26 no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo, cunha festa final na que participarán máis de 400 alumnas e alumnos do CEE Santa María, IES Ánxel Fole, do IES Sanxillao, do IES Nª Sª dos Ollos Grandes de Lugo, do CPI de Cervantes, do CPI Poeta Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel), do CPI Virxe do Monte (Cospeito), do CPI Luís Díaz Moreno (Baralla) e do EEI Xela Arias (Sarria).
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro e a colaboradora do Correlingua en Lugo Laura Arrojo presentaron este mediodía esta xornada festiva que abrirá coa lectura do manifesto do Correlingua 2022, baixo o lema “Fálame”, a cargo do cómico Fran Rei e coa actuación de Pauliña, unha das bandas de referencia do panorama musical galego actual, coa cambadesa Paula Chaves “Pauliña” á fronte.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora un ano máis co Correlingua, un programa organizado pola Asociación Correlingua, A Mesa pola Normalización Lingüística e a ASPG que propón ao longo do ano diferentes actividades arredor da lingua en centros educativos galegos.