O estudo do CSIC no castro de Rueta, en Cervo, proporá fórmulas para posta en valor do xacemento como ferramenta educativa e elemento de dinamización cultural
A deputada Mónica Freire visitou este mércores o castro de Rueta, en Cervo, onde unha equipa de arqueólogos do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) traballan desde o pasado luns nun estudo preliminar do xacemento, impulsado por Mariña Patrimonio.
Segundo explicaron, nestas primeiras xornadas as actuacións centráronse no recoñecemento do terreo cun xeorradar e un magnetómetro co que obteñen os datos que lles permitirán avaliar o estado de conservación do xacemento. Ademais, avanzaron, as conclusións incorporarán referencias para establecer outras actuacións no futuro, tanto desde o punto de vista investigador, como educativo ou cultura.
Mónica Freire compartiu “o interese que os investigadores mostraron en empregar este estudo como guía para desenvolver accións que poñan en valor o castro como ferramenta educativa e como elemento para de dinamización cultural do concello de Cervo e da comarca da Mariña”. “É un enfoque que compartimos plenamente desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, porque é unha garantía para a conservación e o coidado do patrimonio”, concluíu
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora no financiamento da actuación cunha achega de 5.000 euros.