Cultura
Deputación de Lugo

Maite Ferreiro inaugura a exposición “Trazando solidariedade”, que celebra os 15 anos da Rede Lucense do Voluntariado

VICEPRESIDENCIA DEPUTACÍON LUGO
Maite Ferreiro
MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
REDE LUCENSE VOLUNTARIADO

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro participou este mediodía na conmemoración do 15 aniversario da Rede Lucense do Voluntariado, que se celebrou no Museo Provincial de Lugo coa inauguración da exposición “Trazando solidariedade”.

Durante o acto, Maite Ferreiro valorou “o traballo que desenvolven os distintos colectivos integrados na Rede, mellorando a vida de moitas persoas e sensibilizando á cidadanía sobre distintas realidades, marcando o camiño ás institucións” .

Maite Ferreiro sinalou que o Museo de Lugo  é  o mellor escenario posible para esta conmemoración, polo traballo que, no marco do modelo da museoloxía social, se ven desenvolvendo aquí, e nos outros tres museos da Rede Provincial, para convertelos en lugares de encontro, accesibles e inclusivos”

A Rede Museística Provincial inclúe habitualmente na súa programación actividades participadas e abertas ás quince entidades que forman a a Rede Lucense do Voluntariado:  Aliad Ultreia, Alume Saúde Mental, AECC Lugo, Aspnais, AX Ateibo, Auxilia Lugo, Capaces Lugo, Cáritas Diocesana Lugo, Cogami Lugo, Down Lugo, Fundación Dignidade, Fundación Juan Soñador, Fundación Secretariado Gitano, Raiolas Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela 

Trazando solidariedade

A mostra, que poderá verse no Museo Provincial de Lugo ata o 31 de xaneiro, divídese en tres zonas:

A Rede do Voluntariado. Refectorio do Museo Provincial de Lugo.
Lugar de visiblización e recoñecemento ás entidades que forman parte do Voluntariado, con paneis que contan as historias das entidades que forman parte da Rede.

Pensando no Voluntariado. Corredor da Sala Principal de Exposicións
Intercambio de reflexións persoais e de comunidade no que deixar trazos dos diferentes significados do Voluntariado. Os quince colectivos que integran a Rede fixeron as súas achegas creativas a este espazo, con pezas que aluden ao traballo e aos valores que promoven. 

O lenzo do voluntariado. Sala Polivalente
Espazo creativo e participativo en constante movemento onde trasladar ideas directamente sobre as paredes. Aberto á colaboración das persoas visitantes.

Manifesto da Rede Lucense do Voluntariado

As entidades que forman a Rede Lucense do Voluntariado asinaron un manifesto para o  Día Internacional do Voluntariado -5 de decembro-  que se leu no acto, e que reproducimos a continuación:

“Neste ano 2022 no que vimos de cumprir 15 anos, queremos que a celebración do Día Internacional do Voluntariado sexa tamén un momento especial para compartir convosco os valores que ten a Rede Lucense de Voluntariado: o diálogo e a diversidade, o compromiso e a participación. 

Somos na actualidade 15 entidades con misións diferentes, capaces de sentirnos identificadas co poder transformador do voluntariado na vida das persoas. Somos a suma do esforzo e do compromiso de: Aliad Ultreia, Alume Saúde Mental, AECC Lugo, Aspnais, AX Ateibo, Auxilia Lugo, Capaces Lugo, Cáritas Diocesana Lugo, Cogami Lugo, Down Lugo, Fundación Dignidade, Fundación Juan Soñador, Fundación Secretariado Gitano, Raiolas Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela 

O diálogo. A Rede foi creada como un espazo o que poder compartir experiencias entre todas as entidades, unha estrutura aberta destinada a impulsar a acción voluntaria, cun sinal de identidade definido desde o inicio, o compromiso e a participación. 

Este proxecto expositivo desenvolveuse a través dun proceso participativo que nos permite reflexionar a nivel individual e colectivo. Trazando solidariedade permanece en transformación de igual xeito que o está o voluntariado. 

No 2022 tamén estamos a ser testemuñas de primeira fila dun cambio acelerado no planeta, que se ve sometido a reaccións en cadea dun mundo globalizado. Sufrimos a violencia machista e a reaparición de discursos de odio, xunto coa perda de dereitos que xa considerabamos consolidados. 
Fronte á ditadura do inmediato que corre tras un momento efémero, fronte a un modelo de economía que persegue un consumo sen límites, fronte a desaparición da verdade nas pantallas, fronte a toda a incerteza que rodea as nosas vidas, fronte a todo iso, queremos reivindicar o papel educador do voluntariado e na súa potencialidade transformadora no mundo que vivimos. Na Rede Lucense de Voluntariado queremos: 

Apostar por un voluntariado como motor de cambio fronte as desigualdades. 
Apostar por un voluntariado que denuncia os discursos de odio e intolerancia. 
Apostar por un voluntariado que xogue un papel activo nunha comunidade que fomenta o respecto e a inclusión. 

A Rede Lucense de Voluntariado mantén o seu compromiso. Viñemos para facer visible o valor do voluntariado, para ir trazando a cultura de solidariedade e hoxe aquí fomos quen de dar un paso máis neste compromiso contando co apoio da Rede Museística Provincial de Lugo, a nosa mellor referencia posible para o traballo en rede”