A Vicepresidencia da Deputación programa unha trintena de visitas da Apalpadora nas tres vindeiras semanas
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo puxo en marcha un programa de visitas da Apalpadora a distintos concellos, co obxectivo de promover a presenza de tradicións propias na representación do Nadal e ofrecer a nenas e nenos unha proposta de lecer en galego nestas datas.
A narradora Antía Vázquez, acompañada polo músico André Espiñeira, é a encargada de presentar as crianzas esta personaxe, un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o ventre das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas e desexos de felicidade e comida.
A súa historia trasmitiuse a través da tradición oral, especialmente na zona do Courel e do oriente ourensán. Na última década, asociacións e colectivos culturais de distintos puntos de Galiza tomaron a iniciativa para recuperar este personaxe e as lendas e ritos que a rodean.
As primeiras visitas recibíronas esta mañá no CEIP Nº 1 de Foz e no CEIP da Pontenova, e continuarán durante as tres vindeiras semanas, pasando polos concellos de Portomarín, Guntín, Lugo, Chantada, Triacastela, Ourol, Alfoz, Ribadeo, O Incio, Lugo, Pantón, Sarria, O Páramo, Sarria, Samos, Carballedo, A Pastoriza, Begonte, Pol, A Fonsagrada, O Saviñao, Riotorto, Lourenzá e Vilalba
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou que “un ano máis poñemos en marcha este calendario de visitas co obxectivo de achegar a nenos e nenas esta figura do Nadal galego e a súa historia” e valorou “a oportunidade que esta personaxe ofrece para reivindicar as nosas tradicións e tamén valores ligados ao coidado do territorio”.
O espectáculo
A filla do coñecido Apalpador toma o relevo do seu pai e baixa das montañas para encontrarse coas crianzas da provincia nun formato de contacontos musicado e interactivo onde se mesturan cantigas, lendas e dinámicas.
Estará acompañada polo seu irmán músico André, para mergullarse con cancións da súa misteriosa historia. Ademais, levará froitos que recolle durante todo o ano e agasallos fabricados por ela mesma para entregar aos nenos e nenas neste Nadal.