A Rede Museística homenaxea as mulleres que emigraron a Cataluña cunha mostra no Museo de L'Hospitalet de Llobregat
Os proxectos “Proximidade Llunyana” e “Recolectoras: Memoria e Terra”, coordinados pola xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago, expoñense ata o 15 de febreiro no Museo de L'Hospitalet de Llobregat.
As mostras, que reivindican a memoria das mulleres do rural, parte delas ligadas á emigración de Lugo a Barcelona ao longo do século XX, inauguráronse cun acto no que se homenaxeou ás mulleres que, co seu relato, fotografías e documentos, deron contido aos proxectos expositivos.
A xerente da Rede Museística Encarna Lago entregoulles a elas, algunhas retornadas e outras aínda residentes en Catalunya, e ás súas familias –no caso das finadas - unha reprodución das composicións fotografías que conforman a mostra “Promixidade Llunyana”.
A programación das exposicións, que poñen o foco na orixe rural da comunidade galega en Cataluña, coincide coa conmemoración do Día Internacional dx Migrante, que se celebra o 18 de decembro.
“Proximidade Llunyana”
A mostra recolle a historia de 26 mulleres das comarcas da montaña que emigraron a Barcelona entre os anos 40 e 70 para visibilizar un éxodo silenciado, a migración rural feminina. Un panel fotógrafico do Shanghái - o tren que facía o traxecto entre Galiza e Catalunya -, as maletas que portaban as migrantes e composicións realizadas con documentación achegada por elas e as súas familias que viviron o éxodo rural da posguerra -fundamentalmente cartas e fotografías- forman a mostra, que pretende dignificar e visibilizar un proceso migratorio que afectou, dun modo ou outro, ás seguintes xerais ata a actualidade
“Para unha muller, unha rapaza, de calquera parte da provincia en plena posguerra, a viaxe a Barcelona na procura dun traballo supoñía traspasar calquera liña coñecida: a da seguridade da casa e da familia, a da proximidade, a do idioma. Por iso, as interminables horas de ferrocarril que separaban Galicia de Cataluña marcaron un antes e un despois en cada vida”, explica Encarna Lago, que destaca o carácter universal destas vivencias.
“Só coñecendo a historia, neste caso o da migración rural feminina, e entendendo o seu carácter universal, poderemos empatizar co drama de milleiros de persoas en todas as fronteiras do mundo”, expuxo, destacando a oportunidade de programar estas exposicións coincidindo co Día Mundial dx Migrante.
Proxecto aberto
Proximidade Llunyana é un proxecto aberto. A Rede Museística convida a que todas as mulleres que queiran dar a coñecer as súas historias de vida, ou as súas familias, acheguen documentación gráfica ou audiovisual. O sitio web da Rede incorpora un apartado para recoller estes testemuñas, nesta ligazón