Cultura
Deputación de Lugo

Maite Ferreiro visitou o IES Lucus Augusti, que acolleu a proxección dun documental  sobre Domingo Fontán

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
Maite Ferreiro
DOMINGO FONTÁN
MAPA DE FONTÁN
IES Lucus Augusti

 A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro achegouse este mércores ao IES Lucus Augusti, que acolleu a proxección do documental “Fontán. O primeiro rostro de Galicia” no marco dun ciclo promovido pola área de Cultura para dar a coñecer o  fito científico  que supuxo a elaboración da Carta Xeométrica de Galiza polo matemático e xeográfo Domingo Fontán (Portas, 1788 - Cuntis, 1866).

Maite Ferreiro, acompañada polo tenente alcalde de Lugo Rubén Arroxo, visitaron o centro onde a proxección cobrou especial interese xa que conta nas propias instalacións cunha copia do Mapa de Fontán, a mesma que pendurou das dependencias do centro mentras tivo a súa sede no Pazo de San Marcos, entre 1872 e 1950.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo aproveitou a visita para recoñecer “a traxectoria da institución educativa, que neste 2022 celebra o seu 180 aniversario, proxectando ao alumnado un gran interese polo coñecemento científico” ao que “desde a área de Cultura queremos contribuír coa proxección deste documental sobre Domingo Fontán e a súa gran obra, a Carta Xeométrica de Galiza”

Maite Ferreiro percorreu as dependencias do centro, que mostra nos corredores decenas de obxectos empregados como material didáctico para o estudo das ciencias. Ademais da proxección, a sesións divulgativa incluíu un coloquio, coa participación de persoal da produtora do documental Kaito Estudios e do topógrafo Manuel Amigo.

Unha decena de proxeccións en centros de secundaria

Coa proxección no IES Lucus Augusti pechouse un ciclo que chegou a unha decena de centros educativos das distintas comarcas: o IES Pedregal de Irimia (Meira) o IES Ánxel Fole (Lugo), o Ies Xograr Afonso Gómez (Sarria), o IES do Camiño (Palas de Rei), o IES María Sarmiento (Viveiro), o Ies San Xillao (Lugo) , o IES A Pinguela (Monforte), o IES Monte Castelo (Burela) e o Ies Leiras Pulpeiro (Lugo).

“Fontán. O primeiro rostro de Galicia”

O documental ten unha duración aproximada de 45 min e trata da figura de Domingo Fontán, un ilustrado, galego, xeógrafo, matemático, político e empresario, coñecido sobre todo por ser o autor do primeiro mapa topográfico científico de Galiza, a Carta xeométrica de Galiza, labor ao que adicou  dezasete anos da súa vida. Foi secretario da Deputación Provincial de Galiza durante o trienio liberal, director do Observatorio Astronómico de Madrid, deputado en Cortes e Presidente da Real Sociedade de Amigos do País de Santiago.

A Carta Xeométrica de Galiza, é un mapa físico de Galiza, realizado entre 1817 e 1834. Esta obra foi o primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas (triangulación, altimetría barométrica, etc).

Para cartografar Galiza, Domingo Fontán aproveitou os avances científicos da época e estableceu unha rede xeodésica, establecendo diversos puntos de medición e realizando neles todo tipo de cálculos astronómicos.

Para realizar esta carta, tivo que percorrer todo o territorio galego a pé e a cabalo. Nela catalogou, por primeira vez na historia, todas as igrexas das parroquias galegas. Recolleu tamén a totalidade dos accidentes xeográficos e acadou un nivel de detalle no mapa que non foi superado ata a aparición da cartografía por satélite nos anos 50 do século XX.

O documental serve tamén para falar dunha época, o século XIX, esencial no desenvolvemento de Galiza e chea de acontecementos e figuras históricas salientables, que se relacionan con  Domingo Fontán.  A temática enlaza ademais con temas de actualidade como o big data ou a xeolocalización.