Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación instala en Caldaloba un panel informativo que destaca o interese histórico e simbólico da fortaleza de Cospeito

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
Maite Ferreiro
TORRE DE CALDALOBA
CONSTANZA DE CASTRO
REINO MEDIEVAL GALEGO
Maite Ferreiro sinalou que "mantemos a folla de ruta para desenvolver un proxecto de recuperación, consolidación e posta en valor da Torre"

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo instalou a carón da Torre de Caldaloba un panel informativo no que se recollen as características físicas e a significación histórica da fortificación, cuxas orixes se remontan ao século XIV e declarada Ben de Interese Cultural en 1994.

A inscrición lembra que a fortaleza foi escenario da resistencia que Constanza de Castro e o seu marido Fernán Ares de Saavedra opuxeron ao asedio dos Reis Católicos no último terzo do século XV, nun episodio que simboliza a extinción do reino medieval galego. Incorpora un código QR para que as persoas visitantes accedan ao pdf do caderno divulgativo “Loita, resistencia e morte: dona Constanza de Castro toma a fortaleza de Vilaxoán” de Antón Xosé Meilán García, editado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Ademais, a contorna máis próxima á Torre sinalizouse con carteis que advirten do perigo de acceder á fortaleza, tendo en conta o seu deterioro.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro explicou que "mantemos a folla de ruta prevista para acadar a titularidade pública da totalidade da Torre e desenvolver un proxecto de recuperación, consolidación e posta en valor que reflicta  a súa importancia patrimonial, histórica e simbólica para Galiza”.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo é propietaria da parcela na que se ubica a metade da Torre da Caldaloba, unhas dúas hectáreas de terreo que inclúen a metade da edificación -53 metros cadrados de planta e as fachadas noroeste e suroeste- e o sistema de fosos e contrafosos defensivos do perímetro da edificación.

Trátase dunha parcela adquirida pola institución provincial a través dun acordo de Xunta de Goberno tomado o 29 de xullo e ratificado coa inscrición da compra e venda en documento público o pasado 21 de outubro.