Cultura
Deputación de Lugo

Maite Ferreiro presentou o catálogo da exposición "Fuxan os Ventos. 50 anos de Historia", aberta ata o domingo no Vello Cárcere

VICEPRESIDENCIA DEPUTACÍON LUGO
cultura
Maite Ferreiro
FUXAN OS VENTOS

Maite Ferreiro participou este venres na presentación do catálogo a exposición "Fuxan os Ventos. 50 anos de Historia", que recolle unha ampla variedade de documentos da longa historia do grupo. O catálogo, editado polo Consello da Cultura Galega, fai un percorrido polos elementos máis significativos da exposición, que chegou a Lugo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Rede Museística Provincial.

Maite Ferreiro afirmou que "Fuxan os Ventos é un dos grupos musicais galegos máis importantes nas últimas décadas", e engadiu  que "para Lugo é unha honra acoller a exposición do 50 aniversario desta agrupación despois de acoller tamén o seu nacemento no ano 1972". A mostra, que se inaugurou o 22 de outubro,  manterase aberta no Vello Cárcere ata o domingo 22 de xaneiro.

Fuxan os ventos. 50 anos de historia

Neste ano 2022 cómprense 50 anos da primeira actuación do grupo Fuxan os Ventos. Dita actuación produciuse un 22 de outubro de 1972 no certame musical Cancioneiro das San Lucas de Mondoñedo, no que gañaron o primeiro premio cunha canción que dá nome ao grupo.

Este proxecto expositivo pretende ser un recoñecemento á celebración do seu medio século de música e do seu compromiso coa cultura galega, sendo conscientes de que estamos diante dun dos grupos fundamentais na tradición musical da Galiza.

A propia memoria de Fuxan os Ventos, dos seus integrantes e de todos os seus arquivos, é a que dá conta deste longo percorrido, traballo e valor para a historia cultural e artística da Galiza. E nelas fundaméntanse os contidos da exposición e as experiencias que se queren transmitir.

Estrutura da exposición:

1.- Contexto histórico no que nace o grupo.

2.- Cronoloxía dos 50 anos do grupo.

3.- Fuxan no imaxinario.

4.- O universo creativo de Fuxan.

Preténdese que toda a exposición sexa moi sonora. Haberá varios puntos onde poder escoitar gravacións relacionados co que se está a ver. Cancións xa publicadas, pequena mostra das recollidas de cancións tradicionais feitas polo grupo, gravacións inéditas de ensaios e actuacións.

En canto ao concepto estético, tomando como referencia a identidade visual do grupo, o obxectivo é a construción dunha imaxe contemporánea que arroupe tanto o discurso curatorial como a riqueza cultural e física das pezas que a conforman e do propio espazo museístico.