A Vicepresidencia da Deputación garante a celebración do Esmorga Fest en 2023
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo garante a celebración do Esmorga Fest en 2023. Efrén Castro e Maite Ferreiro mantiveron este mércores unha xuntanza cos organizadores do festival sarriao, na que se comprometeu o apoio económico da área de Cultura a unha nova edición do evento.
Efrén Castro explicou que “o Esmorga Fest converteuse nestes anos nun festival de referencia na música independente, con público de toda Galiza e do resto do Estado e un recoñecemento unánime da prensa especializada. A súa traxectoria é un activo cultural que temos que aproveitar, especialmente, nunha vila coma Sarria, á marxe dos circuítos da industria musical. Na xuntanza ofreceuse aos organizadores o apoio económico necesario para facer viable unha nova edición, e darlle continuidade a un festival que conta ademais cunha gran implicación e apoio da veciñanza e do tecido asociativo e empresarial de Sarria”.
O apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo garante así unha nova edición do festival, que se ven celebrando desde 2015 - coa excepción do 2020, ano de explosión da pandemia, e un formato reducido en 2021- con carteis que mesturan bandas recoñecidas e grupos emerxentes da música independente.