O Valadouro dedica o mes de febreiro á gandeiría extensiva, co apoio da área de Medio Rural da Deputación
O Valadouro dedicará febreiro á promoción das razas autóctonas e á posta en valor da gandeiría co Mes Gandeiro, unha iniciativa que conta co apoio de Medio Rural da Deputacion de Lugo. A deputada Mónica Freire e o tenente alcalde do Valadouro, Eduardo Chao, acordaron a colaboración que encherá de actividade o concello durante as próximas tres fins de semana e que reforza a feira de razas autóctonas que se viña celebrando nos últimos anos.
A responsábel provincial sinalou “que a extensión a todo o mes das actividades reflicte o esforzo que desde a área de Medio Rural do Valadouro está a facer por potenciar o sector primario, e especialmente a actividade gandeira, poñendo en valor a longa tradición da cría de cabalos e gando vacún, sobre todo nas parroquias situadas ao pé da Serra do Xistral”. E destacou que “se trata dunha aposta aliñada coas iniciativas que vimos desenvolvendo desde a Deputación, con programas e colaboracións que inciden na promoción da gandeiría extensiva e das razas autóctonas para dinamizar económica e socialmente o rural e conservar o territorio”
Mónica Freire destacou a introdución no programa dunha xornada dedicada á formación e ao intercambio de experiencias coa participación de gandeiros, entidades de aconsellamento e persoas investigadoras, onde gandeiros da zona de montaña relatarán en primeira persoa a súa experiencia no manexo e crianza de gando.