Maite Ferreiro clausurou a exposición “Trazando solidariedade”, que destacou como referencia de proxecto inclusivo, participativo e sustentábel

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Maite Ferreiro
TRAZANDO SOLIDARIEDADE
REDE LUCENSE VOLUNTARIADO
MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro clausurou a exposición “Trazando solidariedade”, unha mostra colectiva participada polas entidades integradas na Rede Lucense do Voluntariado que puido verse no Museo de Lugo nos dous últimos meses.

Maite Ferreiro valorou “a xenerosidade dos colectivos e persoas involucradas tanto no deseño da exposición como na súa dinamizacion ao longo destes dous meses levando ao ámbito cultural un valor que exercen na súa vida diaria como membros da Rede Lucense do Voluntariado”.

A vicepresidenta subliñou que “este proxecto reforzou o contacto entre os colectivos e as persoas usuarias, dando continuidade á liña de traballo que se ven desenvolvendo desde a Rede Museística, a favor da inclusión e da participación da cidadanía na actividade dos museos provinciais” e lembrou que “no seu deseño, se priorizou o uso de materiais respetuosos co medio ambiente, con paneis e tintas sustentables, sinalando a necesidade de extender tamén ao ámbito da museoloxía e cultural os principios de sustentabilidade”.

O acto contou coa participación de representantes dos distintos colectivos integrados na Rede: Aliad Ultreia, Alume Saúde Mental, AECC Lugo, Aspnais, AX Ateibo, Auxilia Lugo, Capaces Lugo, Cáritas Diocesana Lugo, Cogami Lugo, Down Lugo, Fundación Dignidade, Fundación Juan Soñador, Fundación Secretariado Gitano, Raiolas Lugo e a Universidade de Santiago de Compostela.

Como peche do acto, no que interviron tamén a xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago, a voceira da Rede Lucense do Voluntariado Fátima Teixeiro e a vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago de Compostela Pilar Murias Fernández, proxectouse un vídeo sobre as dimensións da sustentabilidade que se traballaron no proxecto, desde o punto de vista ambiental e económico, na elección dos soportes e materiais, pero tamén social, poñendo en valor a  bagaxe e capacidade creativa do tecido asociativo do ámbito social.

A mostra, que se puido visitar nas salas do MPLugo desde o pasado 1 de decembro de 2022, foi promovida pola vicepresidencia e área de Cultura da Deputación de Lugo, xunto coa Rede Museística Provincial  e a Rede Lucense do Voluntariado, ocupou tres espazos expositivos dentro do Museo Provincial de Lugo: Refectorio, Sala Multiusos e o corredor lindeiro coa Sala de Exposicións.