A Vicepresidencia da Deputación impulsa unha nova edición do Lugo Cultural, co Pazo de Montenegro como principal escenario
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, participou este martes na presentación da programación do Lugo Cultural 2023, organizada pola Área de Cultura do Campus de Lugo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Área de Cultura do Concello de Lugo.
No acto, celebrado no Pazo de Montenegro, Maite Ferreiro destacou “a estabilidade desta colaboración que se traduce nunha programación que complementa a actividade cultural que se organiza na cidade e atrae á mocidade que estuda no Campus de Lugo, creando entre a comunidade universitaria un vínculo non só formativo senón tamén cultural con Lugo” e sinalou que “as actividades no casco histórico contribúen á promoción do patrimonio da cidade”.
O Lugo Cultural, que cumpre 29 edicións, dá continuidade aos ciclos e actividades musicais, audiovisuais e escénicos consolidados -Músicas a Carón Da Mosqueira, Lubicán, Sons Creativos, Maratón Fotográfico, Fin de Curta, Certame de Videocreación, Festival de Teatro Universitario ou Encontro Internacional de Danza- co Pazo de Montenegro como principal escenario, xunto a outros emprazamentos do casco histórico, e introduce outros novos como o ciclo Ao pé do carballo, con encontros arredor da sostibilidade na carballeira a carón da Biblioteca Intercentros, ou Micro Aberto, no que se convida á comunidade universitaria a expresarse artisticamente e que se realizará nas cafeterías das facultades.
A axenda das actividades pode seguirse na web http://www.lugocultural.es/.