Cultura
Deputación de Lugo

Obras de renovación da cuberta translúcida do Museo Provincial de Lugo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
Maite Ferreiro

 

Este martes comezaron as obras de renovación da cuberta translúcida do Museo Provincial de Lugo. Unha actuación coa que se substituirán as placas de policarbonato que cubren a sala dos mosaicos de Armañá e os corredores que conducen á Sala de Exposicións.

O obxectivo dos traballos é mellorar a impermeabilización desta cuberta, instalada nas obras de reforma e ampliación realizadas no Museo Provincial de Lugo nos anos noventa e na que se detectaran filtracións.

A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro explicou “que se trata dunha actuación coa que seguimos realizando melloras tanto en elementos construtivos como de musealización nun edificio como o Museo Provincial de Lugo, que ademais de ser un referente no estudo e conservación do patrimonio, ten a consideración de Ben de Interese Cultural, o que conleva unha tramitación e autorizacións específicas”.

As obras continuarán ata completar a substitución de todos os paneis, que mellorará tamén a luminosidade deste espazo que, ademais dos mosaicos da Armañá, acolle diversas mostras de escultura romana dos ss. I ao IV d.C.

Entre outras actuacións, nos últimos meses realizouse unha intervención de conservación e limpeza nos museos de Armañá, a renovación e actualización das vitrinas de medallística e a renovación e revisión do estado de conservación das obras da sección de gravado.