Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación apoiará a labor da Fundación Eu Son de Burela, cunha achega ao obradoiro de cerámica

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
CENTRAD
FUNDACIÓN EU SON
EFRÉN CASTRO
CERÁMICA
DESEÑO
Artesanía e Deseño tramitará unha axuda para cofinanciar a compra dunha impresora fotocerámica

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborará coa Fundación Eu Son na compra dunha impresora de fotocerámica para o obradoiro de cerámica do centro ocupacional da entidade, que comercializa as súas pezas coa marca Cerámica Eu Son.

A área de Artesanía e Deseño tramitará unha axuda extraordinaria para cofinanciar a adquisición deste equipo de impresión co que poderán completar no propio centro todo o proceso de elaboración das pezas, reducindo os tempos de entrega dos pedidos.

O deputado  Efrén Castro visitou esta mañá as instalacións da Fundación Eu Son en Burela, onde puido comprobar de primeira man a minuciosidade e coidado do traballo que se desenvolve no obradoiro, que conta cunha tenda en liña para a venda dos produtos.

Ata agora, os calcos para plasmar os seus deseños nas pezas de cerámica teñen que encargalos fóra, o que dificulta atender encargas de pezas personalizadas para eventos ou actos institucionais, que supoñen unha parte importante da demanda.

O responsábel provincial valorou “o traballo das persoas do centro ocupacional e a iniciativa da Fundación Eu Son que están a dar unha dimensión social a unha actividade ligada á tradición industrial de Burela e da comarca da Mariña ” e sinalou “a oportunidade desta colaboración que vai permitir que elaboren as pezas con maior autonomía e axilidade”

Efrén Castro lembrou que “nos últimos anos, desde o Centro de Artesanía e Deseño vimos ofrecendo directamente ou colaborando en diferentes iniciativas de formación en oficios vinculados á artesanía e ao deseño, actividades que ademais de xenerar un valor económico teñen unha gran carga cultural e social”.

A Fundación Eu Son é unha entidade sen ánimo de lucro dedicada a mellorar a calidade de vida de persoas adultas con discapacidade intelectural da comarca da Mariña e ás súas familias. Nas instalacións de Burela conta cun centro ocupacional -cun obradoiro de cerámica e outro de serigrafía- e cun centro de día. Entre outras actividades culturais e de ocio, contan cun grupo de teatro que ven formando parte ano a ano do catálogo de grupos do circuíto de teatro afeccionado organizado pola área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.