Lugo converterase en centro de referencia da música medieval, cun curso a cargo de catro dos mellores intérpretes a nivel internacional do 27 ao 30 de abril
Francisco Luengo, Manuel Vilas, Paloma Gutiérrez del Arroyo e Bor Zuljan impartirán a formación, promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo
O Centro de Artesanía e Deseño acollerá do 27 ao 30 de abril un curso de interpretación de música medieval da man de catro dos mellores intérpretes destes estilos musicais a nivel internacional: Manuel Vilas, Paloma Gutiérrez del Arroyo, Bor Zuljan e Francisco Luengo.
O deputado Efrén Castro sinalou que “tomamos como punto de partida a longa traxectoria do Centrad no eido da investigación e a recontrución de instrumentos históricos para dar un paso máis e converter Lugo tamén nun espazo de referencia na formación e na interpretación dos estilos musicais da época medieval” e destacou que “se trata dunha oportunidade de formación excepcional pola traxectoria e prestixio das persoas que o impartirán”.
O músico e director Francisco Luengo explicou que “durante a formación, guiada por criterios historicamente informados, e percorrerán os instrumentos e técnicas características da musica medieval. A música a interpretar estará baseada principalmente no repertorio medieval galego, trobadores como Martín Códax ou o Rei Don Dinis, e Cantigas de Santa María do Rei Afonso X. Tamén abordaremos a música das romarías e peregrinacións, tanto dos trovadores franceses e provenzais a Terra Santa ou o Llibre Vermell de Montserrat”.
Ademais de atraer a Lugo os principais intérpretes de música medieval, situando a cidade como centro de referencia para estes estilos musicais, o curso promoverá a aprendizaxe e experimentación cos instrumentos reproducidos e conservados no Centrad, que dispón dunha das mellores coleccións de instrumentos históricos de Europa.
O curso,que se impartirá nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño, ofrece catro materias de aprendizaxe.
Arpa medieval, a cargo de Manuel Vila.
Corda pulsada, cítolas e lúdes, a cargo de Bor Zuljan.
Corda frotada, violas, gigas e organistrum, a cargo de Francisco Luengo.
Canto, a cargo de Paloma Guitiérrez del Arroyo.
Serán 8 horas de formación diaria, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20:00 horas, con clases de interpretación de distintos instrumentos e voces e clases de música de cámara, xuntando diferentes instrumentos.
Aínda que as alumnas e alumnos poderán dispoñer dos instrumentos dispoñibles no Centrad e dos que acheguen os profesores, recoméndase contar cun instrumento propio.
As persoas interesadas en asistir deben anotarse previamente a través do enderezo electrónico info.centrad@deputacionlugo.org, do 20 de marzo e o 21 de abril, indicando nome e datos de contacto. Ofrécense 10 prazas por materia. A formación é gratuíta.