Maite Ferreiro valorou o compromiso da veciñanza de Orbazai coa memoria e o patrimonio na presentación dun libro que documenta as construcións tradicionais da parroquia lucense
O local social de Xanares, na parroquia lucense de Orbazai, acolleu este sábado a presentación do libro “As construcións tradicionais da Parroquia de Orbazai”, editado coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A publicación, impulsada pola Asociación de Veciños de Orbazai e con artigos de docentes do Departamento de Enxeñería Agroforestal da USC, documenta e analiza os edificios do medio rural, tanto vivendas como construcións auxiliares ou de uso común - pendellos, palleiras, hórreos, fornos, muíños, pombais, fontes, pozos, lavadoiros, campos da festa, igrexas, caneiros, valados ou pasos polo río-.
No acto, no que interviron o coordinador do libro Juan Ortiz e dúas das autoras dos artigos Cristina Losada e Eva de la Torre, a vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro sinalou que “é un orgullo colaborar nesta iniciativa de recuperación e memoria arredor do patrimonio da parroquia” e puxo en valor “a colaboración entre a asociación veciñal e a USC para sacar adiante esta publicación que nos amosa de onde vimos e nos axuda a coñecer e valorar o noso”. Ademais, subliñou a labor que “os colectivos veciñais e culturais desenvolven ao longo do ano na dinamización social e cultural das parroquias”.
O acto, ao que asistiron o tenente alcalde de Lugo Rubén Arroxo e a concelleira de Participación Cristina López , pechouse cunha actuación do grupo Airiños de Orzabai, no marco do programa Tradigalu, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.