Medio Rural da Deputación de Lugo suliñou o éxito de organización e de participación no Mercado de Primavera do Valadouro
Medio Rural da Deputación de Lugo suliñou o éxito de organización e de participación no Mercado de Primavera, a principal referencia no calendario anual de eventos e actividades do Valadouro, que se celebrou a fin de semana e que contou coa colaboración da institutación provincial.
A deputada Mónica Freire participou na entrega de varios premios nos diversos concursos e desfiles aos mellores traxes de vestimenta tradicional e desfile con zocas, tanto en categoría feminina como masculina, en categoría adulta e infantil. Houbo numerosos postos con produtos locais e de artesanía: elaboración de instrumentos musicais tradicionais a cargo de Xaneco Tubío, forxa e ferreiría, zoqueiros da zona, obradoiros de fiado do liño, e numerosos postos de venta de produtos agroalimentarios locais da zona.
Mónica Freire destacou a importancia que este tipo de eventos teñen en concellos coma o do Valadouro “concello que grazas á organización destes eventos está a convertirse nunha referencia non só a nivel comarcal a provincial, senón tamén a nivel galego no sector agrogandeiro”, asegurou.
O amplo programa destas xornadas comezou o venres 24 co pregón a cargo da xornalista Susana López Montes, a actuación da agrupación folclórica Amado Lar e o concerto de Caamaño & Ameixeiras.
O sábado 25, día do mercado, animaron as rúas a Tamborrada Os Fandangueiros, Festicultores Troupe e Mekánika Rolling Band; sesión vermú coa orquestra Os Parentes e en horario de tarde e noite actuaron na Praza de Santa María o grupo de música tradicional Treixadura e Anxo Lorenzo. Pola noite tiveron lugar as actuacións dos grupos Milleth e Orgasmatron.