Quince bandas confirmadas para a "mellor edición" do Esmorga Fest, os días 19 e 20 de maio en Sarria
O Esmorga Fest ultima o cartel para a vindeira edición do festival, que se celebrará os días 19 e 20 de maio en Sarria co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A banda británica Bdrmm, que destaca nas listas de éxito do Reino Unido e acumula reseñas en publicacións internacionais de referencia, e a sueca Last Days of April son os nomes internacionais do cartel, que se presenta como "o mellor da historia do festival".
Charnego, Grande Amore, Pálida, Cora Novoa, Lagoon, La Plata, VVV [TrippinYou], The Parrots, Ghouljaboy, Los Punsetes, Yawners, John Axiom e o artista local Castro, fundador de Disco As Palmeras que emprende proxecto en solitario, figuran tamén no cartel, co que a organización mantén a premisa que inspirou a creación do festival. “Buscamos grupos emerxentes, que poidan sorprender ao público, máis que reunir ao top ten do xénero”, explican Juan Padín, Josito Castro e Diego García.
O deputado Efrén Castro valorou “o traballo da organización , que se sobrepuxo a incertidume do inicio, e que coa nova edición mantén Sarria no mapa dos festivais máis destacados de Galiza e do resto do Estado” e destacou “a importancia de soster e reforzar este tipo de eventos para a proxección cultural e turística de Sarria”.
A organización agradeceu “a boa acollida que tivo o anuncio da nova edición, coa venda en tempo récord dos primeiros dous paquetes de entradas con desconto” e destacou “o bo ritmo que mantén a venda de entradas”, que se poden adquirir na web do festival.
O Esmorga Fest mantén o formato das últimas edicións, con concertos de pago na Sala Litmar - os días 19 e 20 - e actuacións gratuítas – o día 20 - en La Unión, nunha xornada que abre o festival a un público moi diverso e, sobre todo, á veciñanza de Sarria.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo será a principal patrocinadora do festival que se ven celebrando desde 2015 - coa excepción do 2020, ano de explosión da pandemia, e un formato reducido en 2021-.
O apoio económico da área de Cultura garantiu a continuidade do evento, que está entre os mellor valorados de Galiza e do resto do Estado no seu formato e que conta cunha gran implicación e apoio da veciñanza e do tecido asociativo e empresarial de Sarria.