Cultura
Deputación de Lugo

Lugo acollerá a Fase Final da Olimpiada Española de Física, con 100 estudantes de todo o Estado

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
Maite Ferreiro
OLIMPIADA DE FÍSICA
A Vicepresidencia da Deputación apoia a organización deste encontro, que se celebra do 27 ao 30 de abril na Facultade de Ciencias

Maite Ferreiro valorou “a actividade como unha oportunidade para dar a coñecer Lugo e o Campus a estudantes que se preparan para iniciar estudos superiores”

 

 A Facultade de Ciencias de Lugo acollerá a fase final da Olimpíada Española de Física do 27 ao 30 de abril, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A área de Cultura colaborará nos gastos de organización da proba, que reunirá na cidade un cento de estudantes de todo o Estado.

A Olimpíada de Física é un certame aberto á participación de estudantes de secundaria de todo o Estado, cuxo obxectivo principal é divulgar a física, promover vocacións e poñer en valor o estudo das ciencias. Na Fase Final participan estudantes de Bacharelato que superaron as respectivas probas locais, celebradas ao longo dos últimos meses en distintas universidades. Seis deles, de centros educativos de Galiza.

A área de Cultura colaborará coa Universidade de Santiago de Compostela e a Real Sociedade Española de Física nos gastos de aloxamento e manutención do estudantado que durante a súa estancia en Lugo coñecerá as instalacións do Campus Terra e o resto da cidade.

Maite Ferreiro sinalou “a importancia de traer ata Lugo estas actividades, que nos permiten dar a coñecer a cidade e a provincia a rapaces e rapazas de todo o Estado, e promocionar Lugo como destino para este tipo de eventos, vinculados a un turismo de calidade” e valorou tamén “a oportunidade que supón para a proxección do Campus Terra, que recibirá estudantes que están a piques de iniciar estudos superiores”.

Programa

▪ Xoves 27 de abril
Recepción das delegacións no Pazo de San Marcos, ás 17.00 horas.
▪ Venres 28 de abril
Proba experimental (mañá) e proba teórica (tarde) na Facultade de Ciencias.
▪ Sábado 29 de abril
Actividades turísticas e culturais, con visita ao aeródromo de Rozas, ao castro de Viladonga e percorrido polos puntos emblemáticos da cidade. A foto oficial realizarase na Mosqueira ás 17.00 horas.
▪ Domingo 30 de abril
Acto de clausura e entrega de premios, entre as 10:30h e as 12:30 h.