A segunda edición do Ciclo Mestre Mateo levará o mellor cinema galego recente a oito localidades, co apoio da Vicepresidencia da Deputación
A programación chegará a Chantada, Vilalba, Foz, A Pobra do Brollón, Sarria, A Fonsagrada, Becerreá e Meira, tres emprazamentos máis que na primeira edición
O Ciclo Mestre Mateo volve á provincia de Lugo e levará as proxeccións das longametraxes de ficción, animación e documentais finalistas dos premios do noso audiovisual aos concellos de Chantada, Vilalba, Foz, A Pobra do Brollón, Sarria, Fonsagrada, Becerreá e Meira, cun aumento significativo de salas con respecto á primeira edición.
A colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo suma a Chantada, Vilalba, Foz, A Pobra do Brollón, Sarria, que xa acolleron con éxito o ciclo na súa primeira edición, proxeccións na Fonsagrada, Becerreá e Meira, que pasan a formar parte da rede de salas.
Os concellos participantes exhibirán entre maio e novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametaxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.
O resto de títulos do programa son o documental A foreign song (César Souto, 2022) gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; o thriller Código Emperador (Jorge Coira, 2022) estreado no XXIV Festival de Málaga, onde tamén tivo a súa estrea a longametraxe Live is life (Dani de la Torre, 2022); o documental No somos nada (Javier Corcuera, 2022) estreado no Festival de Cine de San Sebastián; o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española e o documental Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreada no OUFF - Ourense Film Festival.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro explicou que “a área de Cultura reforzou a colaboración coa Academia Galega do Audiovisual para extender o Ciclo Mestre Mateo a tres localidades máis, ampliando a rede de lugares nos que se proxectará o mellor cinema galego recente” e incidiu na importancia “de extender a iniciativa a distintos puntos do territorio para achegar novos públicos ao cinema galego e en galego”.