Cultura
Deputación de Lugo

Maite Ferreiro entregou  os premios da XXXIV Olimpíada  Española de Física,  que reuniu en  Lugo un cento de estudantes de todo  Estado

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Maite Ferreiro
OLIMPIADA ESPAÑOLA DE FÍSICA

O Pazo de San Marcos acolleu esta mañá a entrega de premios da fase final da XXXIV Olimpíada Española de Física, que reuniu en Lugo un cento de estudantes de Bacharelato de todo o Estado.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro presidiu o acto de entrega dos galardóns, con medallas de ouro, prata e bronce e mencións de honra a estudantes coas mellores puntuacións nas probas, que se celebraron o pasado venres na Facultade de Ciencias do Campus Terra.

A área de Cultura colaborou coa Universidade de Santiago de Compostela e a Real Sociedade Española de Física na organización da Olimpíada, que ten como obxectivo fomentar as vocacións científicas e que, pola idade das e dos participantes, serve de ponte entre o ensino secundario e os estudos superiores.

A  vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro agradeceu a presenza en Lugo a estudantes, titores e familiares, así como os docentes que avaliaron as probas, e sinalou que este tipo de actos “con rapazas e rapaces que están empezando a construír o seu futuro son a mellor carta de presentación para a cidade e para o Campus de Lugo”.

Ademais de participaren nas probas, durante a fin de semana coñeceron as instalacións do Campus Terra e o resto da cidade. Concretamente, o sábado realizarán diferentes actividades turísticas e culturais, con visita ao aeródromo de Rozas, ao castro de Viladonga e percorrido polos puntos emblemáticos da cidade.