Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia colabora na organización do Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra, que se celebrará do 9 ao 11 de xuño en Taboada

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
Maite Ferreiro
ENCONTRO DA CULTURA DO VIÑO
Taboada
Ribeira Sacra
O evento, promovido por ACIMTA, incluirá un Museo Vivo, que porá en valor as testemuñas e vivencias da veciñanza das parroquias de ribeira

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora na organización do Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra, que se celebrará do 9 ao 11 de xuño en Taboada. Tres días de actividades que suliñan a  importancia do viño como elemento vertebrador do concello e da comarca, poñendo o foco en aspectos culturais, patrimoniais e de sustentabilidade ambiental.

A área de Cultura colabora coa Asociación de Comerciantes e Industriais de Taboada (ACIMTA) nesta primeira edición do evento, que busca reforzar a posición do municipio como espazo referencial da Ribeira Sacra cunha proposta diferenciada das festas e feiras do viño que se celebran na contorna.

O programa inclúe intervencións artísticas, maridaxes enogastronómicas, catas, visitas a adegas, viñas e lagares, en diferentes puntos do concello, desde a Praza de Riazón ou os espazos culturais e sociais da vila ata diferentes puntos das puntos das parroquias ribeirás.

Unha das singularidades da programación deseñada é a creación dun Museo Vivo, unha sala expositiva na que, ademais de apeiros utilizados para a vendima e para a elaboración do viño, se proxectarán fotografías e vídeos e se organizarán faladoiros a partir de experiencias persoais e profesionais ao redor do viño, poñendo en valor as testemuñas e vivencias de mulleres e homes das parroquias de ribeira.

Este espazo dará lugar así á creación e recompilación de materiais da tradicional oral e contidos que permitan expandir ese traballo de información e transmisión da cultura do viño máis aló dos días do Encontro, a través das redes sociais e outras ferramentas comunicativas.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro valorou “o carácter novidoso da proposta que, ademais de explicar a importancia do viño desde un punto de vista socioeconómico, afonda tamén na súa dimensión cultural e patrimonial, involucrando tanto a colectivos culturais como á veciñanza das parroquias de ribeira”.