O colexio de Oural conta cun dos dezaoito murais homenaxe a Rosalía que a Vicepresidencia promove en centros educativos
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e a deputada de Cultura Iria Castro visitaron o CEIP Antonio Fernández López de Oural, no concello de Sarria, onde a muralista Diana Rodeiro “Nana” realizou unha das intervencións artísticas homenaxe a Rosalía de Castro promovidas pola área de Cultura.
Nas últimas semanas, a artista compostelá pintou a súa obra no IES de Monterroso e no CEIP Ricardo Gasset do Incio, e continuará ao longo do vindeiros meses no IES Lois Peña Novo de Vilalba, no CEIP de Castroverde, no CEIP Península da Paz de San Cibrao, en Cervo, no CEIP de Navia de Suarna, no CEIP Rosalía de Castro de Mosteiro, en Pol.
Outras dúas muralistas - Sandra Lodi e Lara Torres – realizan obras en homenaxe a Rosalía de Castro en centros educativos das distintas comarcas, contribuíndo a popularizar a súa figura como referencia cultural e feminista.
En total, ao longo do ano faranse 18 murais. As actuacións dan continuidade á iniciativa desenvolvida nos últimos tres anos pola área de Cultura, sumando máis de medio cento de intervencións artísticas de homenaxe a Rosalía.