Cultura
Deputación de Lugo

A Rede Museística Provincial ofrece visitas guiadas de curta duración que propoñen novas miradas sobre as obras das exposicións permanentes

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
IRIA CASTRO
ENCARNA LAGO
REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL
MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
VISITAS GUIADAS
As visitas, formuladas para 20 minutos, ofreceranse de martes a venres durante o mes de agosto, de forma presencial no Museo de Lugo e en liña nos outros museos da RMPL

Os museos sempre teñen algo novo que mostrar e a través das visitas guiadas pódense coñecer novas miradas sobre o xa visto. Por iso para este mes de agosto,  a Rede Museística Provincial de Lugo prepara unha ampla axenda de visitas gratuítas de curta duración aos museos que xestiona: Sabías que? Mirar...Sentir...na RMPL.

Este tipo de visitas curtas, formuladas para 20 minutos, permiten coñecer en pouco tempo as historias ocultas detrás das pezas das exposicións permanentes dos museos. O obxectivo é que as persoas se acheguen aos museos con tódolos sentidos, non pasear véndoo, se non miralo con novos ollos para poder sentilo. "As persoas que coñecen os museos, achegaranse a eles con outros ollos e as persoas de fóra levaranse pedaciños da alma das e dos lucenses, descubrindo de verdade o noso patrimonio", explicaron a deputada de Cultura Iria Castro e a xerente da RMPL Encarna Lago na presentación da iniciativa.

No Museo Provincial de Lugo, as visitas terán a seguinte axenda de martes a venres:

 8, 9, 10 e 11 de agosto ás 17:00

15, 16, 17 e 18 de agosto ás 12:00

22, 23, 24 e 25 de agosto ás 17:00

29, 30 e 31 de agosto ás 12:00

Nesas mesmas xornadas, en horario de 12:30 realizaranse visitas en liña aos outros museos da Rede (Museo Provincial do Mar en San Cibrao; Museo Fortazaleza de San Paio de Narla en Friol e o Museo Pazo de Tor en Monforte de Lemos) a través do Facebook da RMPL. No Museo Pazo de Tor as visitas son sempre guiadas e previa cita, de martes a domingo ás 11:00, 12:30, 16:30 e 18:00.