Cultura
Deputación de Lugo

Taboada arranca as patronais coa Festa da Mocidade, que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
IRIA CASTRO
Taboada
FESTA DA MOCIDADE
FESTA DOS MILAGRES
Tiam GZ, Tecor Societario e DJ Misa actuarán este venres no Campo da Feira

Taboada celebra o venres a Festa da Mocidade, que abre o programa das festas patronais cunha ampla axenda de actuacións e actividades do 11 ao 15 de agosto e que conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A deputada de Cultura Iria Castro, o concelleiro de Cultura, Deporte e Medio Rural, Manuel Diéguez, e a concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Patricia Conde, presentaron este mediodía o cartel da xornada, con concertos  do grupo chantadino de rap Tiam GZ, dos composteláns Tecor Societario e de DJ Misa (Claudia Quintela) no Campo da Feira, que abrirá as 21.30 con postos de bebida e comida. Durante a tarde, haberá unha ruta polos bares da vila.

Iria Castro valorou que “as festas patronais acollan programacións coma esta, na que se amosa a música que se está facendo en galego, en diferentes estilos” e desexou boas festas á veciñanza de Taboada.

O concelleiro de Cultura, Deporte e Medio Rural Manuel Diéguez explicou que “este ano, asumimos o reto de organizar  as festas patronais por primeira vez de forma directa. En pouco tempo posto que o actual goberno botou a andar hai menos de dous meses, polo que queremos agradecer a colaboración da veciñanza e dos negocios de Taboada, así como o traballo do persoal do concello e a colaboración das institucións para sacalas adiante” “Fixemos un programa pensando en toda a veciñanza. Con propostas e música para todos os públicos e gustos, desde os grupos que actuarán na Festa da Mocidade ata as orquestras da verbena. Son unhas datas para celebrar o que nos une como concello, coas persoas que queremos, veciños, visitantes e amigos”, engadiu.

O mesmo venres, durante a tarde, haberá actividades para público infantil na Alameda: un espectáculo de Novo Circo e clown con Letriska Inmobile e atraccións gratis para rapazas e rapaces menores de 16 anos.

Sábado 12 de agosto
Actuación da Banda EGS de Lugo (13.30 horas) e verbena coa orquestra Ritmo Joven.

Domingo 13 de agosto
Actuación de Xograres de Lemos (13.30 horas) e verbena coa orquestra Tatto

Luns 14 de agosto
Festa do Óso na Medela, coa actuación da charanga De Bande e festa da escuma e xogos na auga
Milagriños Fest, con actuacións de Color Carne, Mügre, Nacarúh e Sebusca na Alameda

Martes, 15 de agosto
Festival Internacional con actuacións de Pom´Kanel (Martinica) e Rechouchíos (a partir das 20.00 horas).