Iria Castro destaca o carácter innovador e interxeneracional do programa de “Ciencia á Feira” , que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación
A deputada de Cultura Iria Castro participou este luns na presentación do programa Ciencia á Feira, un proxecto de ciencia comunitaria e interxeneracional de Xuvenciencia coordinado pola profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra Montserrat Valcárcel que divulgará contidos científicos en sete feiras e mercados das distintas comarcas.
Muras, Burela, Mondoñedo, Sober, O Incio, A Pobra do Brollón e Navia de Suarna acollerán ao longo dos vindeiros meses estas actividades divulgativas que inclúen, ademais de obradoiros nos centros escolares, a presenza nas feiras, aproveitando así o papel crucial que tradicionalmente teñen na socialización, no encontro e no intercambio de información na súa contorna.
Iria Castro subliñou o “carácter innovador da iniciativa e a súa vocación interxerneracional”, valorando que “se leve o proxecto a concellos rurais que non forman parte dos circuítos convencionais de divulgación científica”
As enfermidades trasmitidas por carrachas, a xestión sustentable da auga e os microenxertos son as temáticas destas actividades divulgativas que apostan así por abordar cuestións que afectan directamente ás persoas das contornas rurais.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora co proxecto, xunto a outras institucións.