Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia trae a Lugo a mostra “Fragmentos de onte”, que ofrece un percorrido pola vestimenta e a vida cotiá na Galiza dos anos vinte 

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
FRAGMENTOS DE ONTE
cultura
Capela de Santa María
RUTH MATILDA ANDERSON
TRAXE TRADICIONAL
A mostra, organizada por Bodegas Martín Codax e a Asociación Sete Espadelas, reproduce prendas e escenas da vida cotiá documentadas por Ruth M. Anderson

A exposición poderá verse na Capela de Santa María ata o 7 de novembro, con visitas guiadas os sábados

 O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e a deputada de Cultura Iria Castro inauguraron  a mostra “Fragmentos de onte”, organizada pola Asociación Sete Espadelas co mecenado de Bodegas Martín Codax

A exposición, que poderá verse ata o 7 de novembro na Capela de Santa María,  reproduce vestimenta e escenas da vida cotiá capturadas pola fotógrafa e etnógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson nos anos vinte do século pasado en distintos puntos de Galiza.  

A cidade de Lugo está presente cunha fotografía dun mercado de pezas de olería ao pé da Muralla, a escasos metros da Mosqueira, en 1925. A mostra reproduce esta escena, canda outras da vida cotiá na Galiza de comezos do século pasado: palilleiras traballando nunha casa en Muxía, redeiras en Marín, leiteiras que percorrían a pé enormes distancias cada mañá cos cántaros na cabeza ou os mercados na Praza de Leña de Pontevedra, entre outras

Efrén Castro agradeceu a Bodegas Martín Codax  e á Asociación Sete Espadelas que contasen coa Capela de Santa María para traer a Lugo esta exposición que “pon de relevo a importancia do traballo das mulleres na sociedade tradicional, como piares da engranaxe social e económica que se mantén hoxe” e “a importancia da artesanía na vida das persoas, que facían á man vestimenta, ferramentas e utensilios cotiás”,  e repasou “o traballo realizado desde o Centro de Artesanía e Deseño na  promoción  e  divulgación  dos  oficios  artesanais, como parte da tradición pero tamén como oficios vivos, en constante actualización”. 

No acto, que contou tamén coa presenza de Álex Penas, concelleiro de Infraestruturas Urbanas en Lugo, o vicepresidente da Deputación lembrou que “a Capela de Santa María acolleu nos últimos anos diferentes mostras e actividades encamiñadas a poñer en valor os oficios textís, que de forma tan coidada e documentada se abordan nesta mostra” e valorou a oportunidade “da chegada á Lugo da exposición, coincidindo co San Froilán”.

Os sábados ás 12:00 horas haberá visitas guiadas da man de Sete Espadelas, comisarios da exposición. As entradas son de balde, pero requiren de inscrición previa na web de Bodegas Martín Codax.