Cultura
Deputación de Lugo

Unha mostra de olería repasa no Museo de Lugo tres séculos de tradición de recolleita e consumo de mel

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
OLERIA
mel
A Vicepresidencia da Deputación e a concelleira de Participación de Lugo promoven a exposición, aberta ata o 29 de outubro

O Museo Provincial de Lugo acolle a exposición de olería “Mel e barro, as máis belas tradicións de Galicia”, promovida pola área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de  Lugo e a concellería de Participación e Servizos á Veciñanza do Concello de Lugo.

A m ostra, que pode verse no refectorio do Museo ata o 29 de outubro,  inclúe unha coidada selección de pezas de barro relacionadas coa recolleita e o consumo de mel procedentes de coleccións galegas e doutros puntos do Estado.

Destacan 20 pezas orixinais de olería antiga de Galiza -veleiros, meleiras, castraderas e pucheiras- feitas entre os séculos XVII e XX, das coleccións de Gerardo Caldas (Sarria) e Rosa Carballés (Compostela), que atesouran a maior parte da alfarería fabricada en Galiza nos tres últimos séculos.

A mostra complétase con 14 pezas recuperadas doutros puntos do Estado como - Cáceres, Castellón, Ciudad Real, Córdoba, Badajoz, Jaén, Zamora ou Toledo – que permiten comprobar as solucións diferentes que se daban as mesmas necesidades en cada lugar, en función da súa cultura e idiosincrasia. Trátase de reproducións de pezas orixinais elaboradas para a exposición por alfereiras e alfareiros de cada unha das zonas. Cada unha delas acompáñase dunha fotografía do proceso de traballo.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, o deputado de Medio Rural Daniel García e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza do Concello de Lugo Cristina López valoraron “a exclusividade das pezas que se poderán ver na mostra”  e convidaron “a visitar a exposición, que se desenvolverá como actividade paralela a Feira do Mel , contribuíndo a súa dinamización e produción”.