Encontro sobre emprego e saúde mental, coa experiencia de colaboración entre a Rede Museística e FEAFES como pano de fondo
O Pazo de San Marcos acolleu este luns un encontro sobre emprego e saúde mental organizado pola Rede Museística Provincial, baixo o título “Empregar sen prexuízos. Creando oportunidades”. Representantes da Federación Galega de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (FEAFES), da Asociación lucense pola recuperación e a integración das persoas con transtornos mentais (ALUME), profesionais da saúde menal e persoal dos museos provinciais participaron na mesa redonda, na que se avaliou a colaboración que a Rede Museística e as asociacións manteñen desde hai nove anos no ámbito laboral, a través da contratación de persoas en prácticas nos museos provinciais.
A mesa, na que participou a deputada de Cultura Iria Castro, desenvolveuse no marco do Foro Expandido de Museoloxía social da Rede Museística, ao fío do lema do Día da Saúde Mental para este ano “A nosa saúde mental, os nosos dereitos”, afondando nos recursos e mecanismos a desenvolver para avanzar nos dereitos das persoas con enfermidades mentais no mundo laboral, e contou tamén coa participación da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, incorporando ao debate á empresa privada.
A Saúde Mental na RMPL
O traballo de investigación desenvolto polo equipo da RMPL arroxou datos novidosos ao atopar no Museo Pazo de Tor o primeiro proxecto dun psiquiátrico para Galicia ou ao coñecer que no Museo Provincial de Lugo houbo 11 celas adicadas a psiquiátrico.
Resultado destas investigacións, neste 2023 abríase no Museo Pazo de Tor un novo espazo, Labirintos Mentais, que repasa a historia da enfermidade mental e dos manicomios en Galicia e en particular, na provincia de Lugo.