Anticuarios e coleccionistas sarriaos impulsan unha nova edición do mercado de Nadal co apoio da Vicepresidencia
Sarria acolle esta fin de semana a segunda edición do mercado de anticuarios e artesanía especial de Nadal, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O Vicepresidente e deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro presentou esta tarde a cita xunto aos anticuarios sarriaos que o impulsan o encontro.
Castro destacou a importancia desta reunión que contará cunha decena de postos aos que se suman os comercios da zona e que se alongará durante dúas xornadas. Entre os obxectos que se poderán atopar están vinilos e obxectos curiosos e de coleccionismo. Tamén haberá postos de florería.
A área de Artesanía e Deseño levará ao mercado catro demostracións de artesanía, dúas cada xornada, coas que se promoverá a artesanía lucense e os oficios tradicionais. Así, as persoas visitantes poderán ver o traballo dun luthier, unha cesteira e un ferreiro.
Efrén Castro sinalou que “as demostracións de artesanía darán ao mercado unha dimensión tradicional e permitirá non deixar no esquecemento parte da nosa cultura” e amosou o seu respaldo á iniciativa dos anticuarios sarriaos que buscan consolidar unha edición especial do mercado nas datas de Nadal, tamén de cara aos vindeiros anos.
A presidenta da Asociación de Anticuarios e Restauradores San Lázaro Carmen Rodríguez agradeceu o interese da Vicepresidencia por “favorecer a recuperación de oficios tradicionais e poñer en valor o traballo que levamos a cabo dende a entidade que, con encontros como este, nos permitiron recuperala”.
O mercado instalarase nunha carpa na rúa do Porvir -a rúa dos Anticuarios – e estará aberto de 11.00 a 18.00 horas, en horario continuo.