Cultura
Deputación de Lugo

O Museo Provincial de Lugo acolle unha xornada sobre a produción creativa no exilio

Tivo como obxectivo divulgar esta parte da historia lembrando ás e os artistas na diáspora e a influencia desta no seu traballo

O Museo Provincial acolleu a xornada “A arte do exilio galego no Museo Provincial de Lugo”, unha cita para analizar a creativa de artistas de Galiza no exilio. A deputada de Cultura Iria Castro participou na inauguración deste encontro, no que destacou que “a emigración está ligada ó pobo galego, dentro das vagas migratorias a sudamérica ou a Europea e recoñecemos todos os esforzos das comunidades galegas do exterior por continuar a enriquecer a cultura galega pero habitualmente a figura do exiliado ou exiliada dilúese no medio da figura do emigrante”.

Esta xornada tivo como obxectivo divulgar esta parte da nosa historia lembrando ás e os artistas expulsadas polo golpe militar do 36 e a ditadura franquista e analizando a influencia da diáspora na súa produción creativa, a través dos fondos do museo provincial que conta con nas súas coleccións de belas artes con 140 obras de artistas relacionados co exilio.

“Coa Lei de memoria democrática de 2022 estableceuse o 8 de maio como día oficial do Exilio para salvar esa débeda de esquecemento que tiñamos con estas persoas. Hoxe, non é 8 de maio pero no Museo Provincial temos a premisa de desestacionalizar esta conmemoración e ó mesmo tempo, afondar na arte galega feita no exilio”, explicou a deputada.

Os fondos museísticos do museo lucense contan con 140 obras, case todas na sección de arte galega. Estas obras son maioritariamente de produción pictórica e entre os autores e autoras están Castelao, Bujados, Colmeiro, Maruja Mallo, Laxeiro, Luís Seoane ou Arturo Soto e dentro do denominado “exilio interior” contamos con Camilo Díaz Baliño, Suárez Couto, Carlos Maside ou Francisco González Prieto. Despois dos relatorios teredes a oportunidade de contar cunha visita guiada.

A sesión contou con diferentes relatores que analizaron temáticas como “Da reconstrución do nacionalismo galego no exilio, ao retorno artístico”, a “Fronte da Arte” e o “Exilio de Castelao”. Rematou cunha palestra sobre a presenza do exilio galego na programación museística, cultural e docente e unha visita guiada ás coleccións do exilio do Museo Provincial de Lugo.

No decurso da xornada, presentouse tamén un tríptico impreso que materializa os estudos realizados cun percorrido monográfico aos fondos do exilio galego do MPL para que as persoas que visiten o museo interesadas no tema accedan, comprendan e valoren a importancia de lembrar e identificar ese legado histórico artístico.