Cultura
Deputación de Lugo

Publicada no BOP a resolución definitiva das axudas a asociacións e colectivos culturais da Vicepresidencia da Deputación

CONCORRENCIA COMPETITIVA
ÁREA DE CULTURA
IRIA CASTRO
asociacións culturais
A área de cultura ratificou a aprobación de 338 achegas cun importe total de 375.000 euros para actividades, equipamento ou melloras de espazos

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe, martes 19 de decembro, a listaxe definitiva das axudas de concorrencia competitiva para colectivos e asociacións culturais da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.Finalmente foron concedidas 338 axudas para a organización de actividades culturais e para investimentos en equipamento e mellora de locais sociais, cun importe total de 375.000 euros.

Entre as propostas financiadas esta anualidade inclúense clases de música e baile tradicional, obradoiros de teatro, narración oral ou pintura, documentais, publicación en papel, certames, xornadas sobre historia ou patrimonio, celebracións populares e outras actividades de posta en valor das tradicións e do patrimonio inmaterial reciben financiamento a través desta convocatoria dirixida ao tecido asociativo e cultural de base.

Así mesmo, as axudas para investimentos centráronse na adquisición de moblaxe e materiais de uso técnico ou artístico necesario para o uso social e cultural dos locais das asociacións.

O importe das achegas oscila entre os 500 e os 3.000 euros, en función dos criterios establecidos nas bases da convocatoria. A deputada Iria Castro lembrou que "dende a área de Cultura case se dobrou o orzamento respecto a anos anteriores, o que permitiu, ao mesmo tempo, practicamente duplicar o número de asociacións beneficiarias”.

“Estas iniciativas permiten garantir o acceso á cultura en todo o territorio, así como o uso da lingua e a promoción do patrimonio”, sinalou a responsable provincial.