Cultura
Deputación de Lugo

Presentación en Lugo do libro “Edelmiro Méndez. Da terra que fomos”, con máis de 200 imaxes realizadas a mediados do século pasado polo fotógrafo da Pontenova

cultura
Edelmiro Méndez
fotografía

O Pazo de San Marcos acolle este xoves 21 de decembro (20.00 horas) a presentación do  libro “Edelmiro Méndez. Da terra que fomos”, unha recompilación de imaxes do fotógrafo pontenovés Edelmiro Méndez publicada pola editorial Canela coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O autor do libro  Xose Manuel Méndez e o editor Pablo Quintana, acompañados polo escritor Xoan Ramiro Cuba e o fotógrafo Jose M. Salgado, presentarán a publicación, que inclúe 219 fotografías en branco e negro realizadas por Edelmiro Méndez entre os anos 1957 e 1964 no concello da Pontenova e na contorna máis próxima, conformando un conxunto de gran valor histórico, etnográfico e documental que representa a sociedade local tradicional, recoñecible aínda por moitas persoas, cando iniciaba a transformación que se consolidaría anos despois.

O discurso visual do libro percorre o ciclo vital das persoas, que o fotógrafo rexistra desde o nacemento ata a morte, nas festas lúdicas e relixiosas, romarías, xogos, divertimentos, vodas, mallegas e outros aspectos do ciclo agrícola, festivo, etc.