O Mapa de Fontán seguirá dez anos máis no IES Lucus Augusti
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo renovou a cesión ao IES Lucus Augusti dun exemplar da primeira edición do Mapa de Fontán. A área de Cutlura e o instituto lucense renovaron o acordo para manter a carta xeométrica de Galiza no centro de ensino lucense, cunha cesión por 10 anos, con prórrogas anuais ata un máximo de vinte anos, tempo no que o centro se fai responsable do seu uso, mantemento e conservación.
O Mapa de Fontán formaba parte do material pedagóxico do centro, que tivo a súa sede no Pazo de San Marcos ata os anos 50. Tras o traslado, o material foi esquecido na sede provincial. Localizado de novo, de xeito casual, e tras a restauración polo persoal do Museo Provincial de Lugo, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo promoveu en 2009 a súa cesión ao centro educativo, devolvendo o material ao alumnado do IES Lucus AugustI. A carta xeométrica exponse desde aquela na entrada do instituto, onde ademais é visitado tamén por estudantes doutros centros educativos.
O Mapa de Fontán
O Mapa de Fontán ou Carta Xeométrica de Galiza é un mapa físico de Galiza, realizado entre 1817 e 1834 polo xeográfo e matemático Domingo Fontán (Portas, 1788 - Cuntis, 1866). Foi o primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas (triangulación, altimetría barométrica, etc). Para cartografar Galiza, Domingo Fontán aproveitou os avances científicos da época e estableceu unha rede xeodésica, establecendo diversos puntos de medición e realizando neles todo tipo de cálculos astronómicos.
Para realizar esta carta, tivo que percorrer todo o territorio galego a pé e a cabalo. Nela catalogou, por primeira vez na historia, todas as igrexas das parroquias galegas. Recolleu tamén a totalidade dos accidentes xeográficos e acadou un nivel de detalle no mapa que non foi superado ata a aparición da cartografía por satélite nos anos 50 do século XX.
Divulgación
A Deputación de Lugo dispón doutro exemplar da primeira edición da Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán, exposto no Pazo de Tor nunha sala recentemente renovada. A Rede Museística Provincial apostou neste último ano por incidir na divulgación deste ben a través da iniciativa “Un país no mapa”, que relaciona o patrimonio dos museos co territorio e a comunidade tomando como referencia a carta xeométrica de Fontán.
En liña co obxectivo de destacar o fito científico que supuxo o traballo de Domingo Fontán, en 2022, a área de Cultura proxectou nunha decena de centros educativos o documental “Fontán. O primeiro rostro de Galicia”, producido por Kaito Estudios.