A mostra “A memoria do son", con réplicas de instrumentos medievais do Centrad, no Conservatorio de Carballo
O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro inaugurou este luns no Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo a mostra “A memoria do Son”, con réplicas de instrumentais medievais do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A exposición fai a segunda parada na itinerancia levada a cabo polos conservatorios de Galiza, que arrancou en outubro no CMUS Xoan Montes de Lugo. Busca deste xeito ampliar a difusión deste patrimonio musical, que inclúe unha giga, unha rota, unha cítola, unha viola de perna, unha viola de brazo, unha zanfona e un organistro, construídos a partir de representacións escultóricas destes instrumentos en lugares emblemáticos, como o Pórtico da Gloria ou o Pazo de Xelmírez, ou dos datos recollidos en distintos documentos literarios e históricos, como os manuscritos das Cantigas de Santa María de Alfonso X.
Esta exposición complementarase cunha visita técnica para o estudantado do centro musical pero tamén estará aberta ao público xeral. Nos últimos dous anos e medio esta mostra expúxose nunha trintena de localidades de Galiza e mesmo noutros puntos do Estado. Carballo acollerá a exposición ata o 10 de febreiro e, nos vindeiros meses, continuará percorrendo as catro provincias, sendo Vigo a seguinte parada.
O vicepresidente Efrén Castro quixo destacar o valor dos conservatorios e as escolas de música que “son os escenarios idóneos para poñer en valor este patrimonio musical, que é parte dunha colección de instrumentos medievais das máis importantes de Europa".
Ademais das reconstrucións de instrumentos medievais, a mostra inclúe propostas interactivas, como un salterio no que as persoas visitantes poden interpretar melodías de cantigas de Afonso X e Martín Códax. De cara ao público máis novo, ofrécense dous pasatempos -un crebacabezas e un encrucillado- que incorporan os contidos da exposición de forma lúdica.
A exposición conta cun catálogo, en catro idiomas, editado en papel pero tamén dispoñible para descargar, en formato pdf, na web cultura.deputacionlugo.gal, a través da seguinte ligazón: https://cultura.deputacionlugo.gal/sites/deputacionlugo.org/files/inline-files/catalogo_a_memoria_do_son.pdf