Cultura
Deputación de Lugo

O Museo Provincial de Lugo inaugura unha mostra sobre a memoria das mulleres rapadas durante a ditadura franquista

Art al Quadrat
Carla Andrade
ARQUIVO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
REDE MUSEISTICA PROVINCIAL

Este mediodía inauguráronse no Museo Provincial de Lugo a exposición temporal EU SON. Memoria das rapadas, obra das artistas de Art al Quadrat (Mónica e Gema Del Rey Jordà), e a instalación audiovisual Notas no latido do unánime e cego de Carla Andrade; dous proxectos que naceron da investigación acerca da recuperación da memoria das mulleres e que comparten o propósito de visibilizar as súas aportacións á historia cultural, social e política.

A xerente da Rede Museística Provincial Encarna Lago e a xestora cultural Anxela Caramés encargáronse da coordinación desta proposta que conecta artistas e linguaxes diferentes e que poderá verse no Museo Provincial de Lugo ata o 8 de abril.

A inauguración complementarase esta tarde (18:00 horas) cunha sesión de cinema debate no que se proxectará a película documental “Sacar á luz. A memoria das Rapadas”, que contará coa presenza das autoras Gema e Mónica del Rey Jordá.

Art al Quadrat  (Gema e Mónica del Rey Jordà)
EU SON. Memoria das rapadas é un proxecto artístico expositivo, que ten o propósito de recuperar a memoria das mulleres rapadas durante o réxime franquista. Na II República moitas mulleres que, segundo o novo Estado, transgrediran o papel da feminidade tradicional ou eran familiares de persoas significadas politicamente, durante a Guerra Civil Española e a Postguerra foron vítimas de violentos escarnios públicos, que as degradaban e humillaban fronte a toda a poboación. Entre os castigos rapábaselles o pelo, dábaselles de beber aceite de ricino e eran “paseadas” polas rúas céntricas do pobo ou da cidade, ademáis das represións ocultas como as violacións ou a morte.

O proxecto expositivo recolle parte dese traballo de investigación, que se plasmou tamén nun documental Sacar a la luz. Memoria de las rapadas  (2021), e imaxes da performances de reparación colectiva e dignificación da memoria que as artistas veñen desenvolvendo desde 2018.

Tamén propón abrir novos camiños para a homenaxe e a investigación. Para iso, na sala de exposicións estará a disposición do público un espazo destinado á recollida de aportacións voluntarias:

    1. Recollida de cabelo para a obra O mechón colectivo en memoria das mulleres rapadas durante o franquismo. Trátase dunha impactante peza de 21 metros de largo que foi elaborada a partir das donacións de cabelo recollidas durante as accións colectivas levadas a cabo polas artistas e tamén a través doutras colaboracións.

    2. Recollida de testemuños, lembranzas e historias vencelladas coas mulleres rapadas en Galicia que contribúan a ampliar os casos documentados e recollidos na investigación realizada polas artistas, incorporándose as localidades nas que ditos feitos aconteceron ao mapa do proxecto.

Carla Andrade
Notas no latido do unánime e cego (2022) Esta instalación audiovisual é resultado das investigacións levadas a cabo durante as residencias artísticas [Dá] Terra Semente, [Dá] Semente Terra no Museo Pazo de Tor (Monforte de Lemos), durante o mes de agosto de 2022. Presentado en forma de apuntamentos fílmicos, este proxecto proponse revisitar o pasado a través da biografía dos espazos do Pazo de Tor, cuestionando a maneira en que lembramos, co fin de evitar caer nun actitude nostálxica ou escapista, senón máis ben liberando un pasado enterrado e oculto baixo o veo da rutina.

Mediante o uso simbólico dunha atmosfera gasosa combinada coas voces de mulleres da provincia de Lugo, algunhas delas relacionadas co Pazo de Tor, como Angelita, establécese unha reflexión que vai máis aló das diferenzas de privilexios entre clases sociais, evidentes neste lugar habitado durante séculos. Máis ben, mergúllase no cambio de paradigma actual: o inicio da transición dunha era material, ríxida e inamovible, cara a algo que promete ser moito máis voluble, cambiante e sen forma definida.