O Centrad acolle do 1 ao 3 de marzo a primeira Xornada de chirimía e sacabuche
O Centro de Artesanía e Deseño da Vicepresidencia da Deputación de Lugo organiza esta fin de semana a I Xornada de chirimía e sacabuche. Trátase dun obradoiro teórico práctico no que os participantes coñecerán o funcionamento de instrumentos renacentistas de vento entre os que están a chirimía e o sacabuche, considerado o antepasado do trombón.
O programa durante as tres xornadas inclúe palestras sobre instrumentos de palleta dupla na península Ibérica dende o Islam ata o século XV, instrumentos de vento nas catedrais galegas e unha última sobre o panorama actual do conxunto de de Ministrís. Tamén se levarán a cabo clases grupais sobre o temperamento mesotónico e a relación coas tonalidades, características acústicas das chirimías, o papel do sacabuche nas transposicións ou a interpretación de obras en conxunto.
A formación estará impartida polo grupo Anónimo IV Ensemble de Música Renacentista e Medieval e comezarán o venres pola tarde e o domingo rematarán ao mediodía. O sábado a xornada ocupará todo o día, de 10 horas a 21.30 horas. Trátase do conxunto instrumental máis lonxevo do panorama da música antiga na provincia de Almería, sendo a matriz doutros grupos de música antiga emerxentes.
O vicepresidente da Deputación e deputado de Artesanía Efrén Castro explicou que se trata dun proxecto que “busca recuperar sons que estaban esquecidos e facémolo ademais nun espazo como o Centrad, no que a música tradicional e os instrumentos máis únicos teñen o seu espazo”. As persoas interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico chirimiasgalegas@gmail.com ou no teléfono 629 421 544.
Programa completo
Venres 1 de marzo
16:30.- Presentación e recollida de documentación
16:45.- Clases grupais
18:00.- Palestra “Instrumentos de palleta dupla na península ibérica: dende o Islam ata o s.XV”
19:00.- Clases grupais
21:30.- Peche da xornada
Sábado 2 de marzo
10:00.- Palestra “Instrumentos de vento nas Catedrais Galegas”
11:00.- Clases grupais
14:00.- Xantar
16:30.- Clases grupais
18:00.- Palestra “Panorama actual do conxunto de Ministrís”
19:00.- Clases grupais
21:30.- Peche da xornada
Domingo 3 de marzo
10:00.- Clases grupais
14:00 .- Conclusións e clausura.