Música, tradición oral e olería no ciclo de concertos “As cegas de Ouselle”, que se inaugura mañá no Vello Cárcere
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organiza o ciclo de concertos “As cegas de Ouselle”, nos que se recupera o repertorio deste trío feminino que tocaba e cantaba de feira en feira nos anos trinta do século pasado.
Aldara Palmeiro (violín e voz), Miguel Lustres (acordeón e voz) e Antón Castro (zanfona e voz) interpretarán, desde unha perspectiva actual, os romances, cancións e pezas para o baile das coñecidas como cegas de Ouselle, incorporando á posta en escena tamén outros elementos como réplicas dos cartelóns cos que se presentaban nas feiras.
A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “os concertos desenvolveranse en emprazamentos relacionados coa olería, ligando así dous elementos do noso patrimonio cultural presentes nas feiras tradicionais” e “contribuíndo a dinamizar os fornos que se conservan nos centros oleiros de Samos, Bonxe e Gundivós”.
Actuacións
A primeira actuación será este xoves 29 de febreiro no Vello Cárcere de Lugo (18.30 horas), coincidindo coa inauguración da exposición “Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós”, que inclúe unha selección de 250 pezas de cerámicas singulares e de uso cotiá na casa galega.
O 30 de marzo, actuarán no forno de Pepa da Veiga en Bonxe (Outeiro de Rei), o 20 de abril, no forno de Lulle en Roxofrei (Samos) e o 11 de maio na reitoral de Gundivós (Sober).