Cultura
Deputación de Lugo

A Tradescola convoca unha nova edición do Certame de debuxo de baile e música tradicional co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

Tradescola
IRIA CASTRO
certame debuxo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa Tradescola nunha nova edición do Certame de debuxo sobre o baile e os instrumentos da música tradicional galega, que pretende difundir a música e cultura tradicional entre as xeracións máis novas.

A deputada de Cultura  Iria Castro, a coordinadora da Tradescola Mónica Fernández e a concelleira de Cultura Maite Ferreiro presentaron a convocatoria, dirixida a nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro curso de primaria.

Iria Castro valorou “a continuidade do certame, que contribúe a que as nenas e nenos coñezan os nosos instrumentos, a nosa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos” e reafirmou “o compromiso da área de Cultura con todas as actividades formativas e divulgativas que desenvolve a Tradescola ao longo do ano”.

A participación no certame artícúlase a través dos centros educativos, que reciben a convocatoria e as bases. Os debuxos deberanse enviar (escaneados ou fotografiados) por correo electrónico á Tradescola ata o 5 de abril de 2024.

O xurado do certame, composto por membros do profesorado da Tradescola, seleccionará 10 debuxos finalistas, que serán premiados cun lote de material didáctico. Ademais, elixirá unha gañadora ou gañador que poderá matricularse de xeito gratuíto nunha materia na Tradescola no vindeiro curso. O seu centro educativo recibirá como agasallo un concerto didáctico de música tradicional a cargo da Trasdescola.

O certame de debuxo é parte das actividades que a escola de música tradicional da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s desenvolve ao longo do ano, co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello de Lugo. Ademais das actividades divulgativas e lúdicas, a Tradescola imparte ao longo do ano aulas de zanfona, gaita, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, requinta, e linguaxe musical ás que asisten máis de 300 alumnas e alumnos.