Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación convoca a terceira edición do certame IlustrarNós

ILUSTRARNÓS
cultura
escolares

A deputada de Cultura Iria Castro convidou aos centros de ensino a participar na III edicón do Certame Escolar de Ilustración, convocado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo no marco do programa IlustrarNÓS, que pretende fomentar a creatividade e contribuír ao coñecemento das artes e artistas gráficos entre as xeracións máis novas.

A convocatoria diríxese a alumnas e alumnos de 5º e 6º de Primaria, Secundaria, Bacharelato e ciclos formativos, que deberán realizar ilustracións arredor da temática “festa”, representando graficamente vivencias, reflexións ou emocións relacionadas con celebracións e conmemoracións.

Iria Castro explicou que “a participación no certame se articula a través dos centros educativos que xa dispoñen das bases e fichas de inscrición” e lembrou que  “na última edición se presentaron ao certame máis de 250 traballos, confirmando que se trata dunha iniciativa que permite traballar a expresión artística nas aulas e achegar ao alumnado a artistas referenciais neste ámbito como o propio Chichi Campos, a quen se dedicou este ano o Día da Ilustración”.

Os traballos remitiranse ao enderezo certame.ilustrarnos@gmail.com, a través dos centros educativos, ata o 6 de maio. Un xurado composto por persoas relacionadas co mundo da cultura, da edición, da ilustración e da docencia valorará as obras, tendo en conta aspectos como a relación da ilustración co tema proposto, a orixinalidade e creatividade na interpretación do tema ou a técnica e composición.

As autoras e autores das mellores ilustracións de cada categoría recibirán como como premio unha tablet con aplicacións de deseño gráfico e unha colección de libros ilustrados (álbum, banda deseñada, novela gráfica etc.).


Máis actividades

O certame escolar forma parte do programa IlustrarNÓS que se puxo en marcha o pasado 30 de xaneiro, Día da Ilustración, dedicado a Chichi Campos, e que inclúe outras actividades cos centros educativos como  obradoiros de creación dun fanzine en aulas de primaria, charlas a cargo da ilustradora lucense Rebeca Losada en institutos ou a realización de murais homenaxe a Chichi Campos e Castelao en espazos educativos