As xornadas sobre patrimonio arqueolóxico do Museo de Lugo centraranse nas villae na Gallaecia
As inscricións poden realizarse ata o 4 de abril
As modificacións da paisaxe agraria na Gallaecia serán o tema que centrarán as VII Xornadas de Divulgación Científica do Patrimonio Arqueolóxico Lucense, que se celebrarán os días 5 e 6 de abril Pazo de Marcos baixo o título “As villae na Gallaecia. Establecementos agrícolas-señoriais de época romana”.
A deputada de Cultura Iria Castro presentou o programa e as actividades que se levarán a cabo durante estas xornadas xunto á directora do Museo de Lugo Aurelia Balseiro, o doutor en prehistoria Eduardo Ramil - ambos coordinadores desta edición -, e Ofelia Carnero e Enrique Alcorta, do departamento de Arqueoloxía do Museo e membros do comité científico.
Tras a conquista romana, a paisaxe agraria da Gallaecia sufriu importantes modificacións coa instalación dun novo sistema de explotación do territorio, dentro do cal as villae constitúen o seu elemento máis xenuíno. Trátase de instalacións que adoitaban aglutinar edificacións dedicadas ao aproveitamento, transformacións e almacenaxe de diferentes productos, así como a área residencial.
Na provincia de Lugo, coñécense un bo número de establecementos que se identificaron como villae como as de O Campón (Burela), Area (Viveiro), Roupar (Xermade), Doncide (Pol), Coea (Castro de Rei), Agro de Parapar (Nadela), San Vicente de Castillón (Pantón), Vilar de Sarria (Sarria), A Grade (Chantada) ou Proendos (Sober).
As xornadas divulgarán investigacións, intervencións arqueolóxicas e proxectos de socialización que se levaron a cabo en Galiza, Asturias, León ou Valladolid en relación coas villae, contribuíndo a un maior coñecemento destes restos romanos e promovendo unha reflexión xeral sobre a necesidade e a xustificación das actuacións arqueolóxicas.
A participación na xornada require inscrición previa a través do formulario dispoñible na web www.comunidadermpl.gal. O prazo está aberto ata o 4 de abril. A asistencia pode ser presencial -ofrecénse 130 prazas - ou en liña.
Programa
Sábado, 5 de abril
9.30h Acreditación asistentes
9.45h Presentación oficial
10.00h Modelos de poboamento rural romano. Indicadores arqueolóxicos para o estudo das villae romanas de Asturias (Carmen Fernández Ochoa. Universidade Autónoma de Madrid)
11.00h As villae maritimae da Gallaecia: arquitectura e funcionalidade (Fermín Pérez Losada. Universidade de Vigo)
12.30h Aproximación aos espazos culinarios das villae da Gallaecia (Adolfo Fernández Fernández. Universidade de Vigo)
13.30h Produción e consumo alimenticio nas vilas romanas do noroeste ibérico: o rexistro
bioarqueolóxico (Carlos Fernández Rodríguez. Universidade de León)
14.30h Debate-coloquio
17.00h Implantación da arquitectura romana entre o Eo e o Sella. As vilas e os seus antecedentes en espazos castrexos (Carmen Fernández Ochoa, Universidade Autónoma de Madrid, e Ángel Villa Valdés, Museo Arqueolóxico de Asturias)
18.00h Mesa redonda: “Pasado, presente e futuro das villae galegas. Estratexias, oportunidades e desafíos” (Dolores Dopico, Universidade de Santiago de Compostela, Francisco Alonso Toucido, Proendos, e Luís F. López González, A Grade)
19.00 h Visita técnica comentada á exposición: “As villae lucenses no MPL. Cultura material” Comisarios da mostra: Enrique Alcorta, Aurelia Balseiro e Mª Ofelia Carnero
Domingo, 6 de abril
10.00h As vilas romanas na Provincia de León. Actuacións arqueolóxicas e socialización (Eduardo Ramil Rego. Universidade de León)
11.00h Museo das Villas Romanas de Almenara de Adaja-Puras, un caso de xestión (Laura Martín Ramos. Museo de las Villas Romanas de Almenara de Adaja-Puras)
12:00h Debate-coloquio
13.15h Actividade práctica: “Aproximación ao coñecemento da cerámica romana” (Eduardo Ramil Rego, Universidade de León, coa colaboración do Departamento de Arqueoloxía do Museo Provincial de Lugo)
14.30h Clausura