A Vicepresidencia apoia en Castro de Carballedo a Festa da Carne ao Caldeiro
A deputada Iria Castro participou este domingo en Carballedo na Festa da Carne ao Caldeiro, unha cita gastronómica coa que colabora a Vicepresidencia da Deputación. A Asociación de Veciños O Bubaíño de Castro organiza a Festa gastronómica, que tivo como pregoeira á actriz María Vázquez, con raíces familiares no concello.
Ademais de degustar o prato tradicional, as persoas asistentes puideron coñecer o patrimonio cunha ruta polas igrexas románicas e desfrutar dunha tarde animada con música, actividades infantís da man do músico e actor Paco Nogueiras e talleres de cestería e barro.
“A Festa da Carne ao Caldeiro é xa un referente na axenda da nosa provincia, tendo como premisa a gastronomía busca poñer en valor o patrimonio, a cultura e as tradicións. Vinte anos de historia da man da veciñanza demostran que Carballedo e a carne ao caldeiro seguirán moitos anos ligados”, sinalou a deputada.