Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación levará a 13 centros de ensino “A aventura de ilustrar”, unha charla e un exposición sobre cómic co debuxante Primitivo Marcos

A aventura de ilustrar
Primitivo Marcos
IES María Sarmiento
EXPOSICIÓN ITINERANTE
O IES María Sarmiento de Viveiro acolleu este luns a primeira das actividades

 A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achegará o proceso creativo da banda ilustrada aos centros educativos co ciclo “A aventura de ilustrar”, da man de Primitivo Marcos.

A proposta inclúe unha exposición baseada no último traballo do debuxante viveirense, a adaptación a banda deseñada da novela “O paso do Noroeste”, de Xavier Queipo. A través de cadros orixinais e paneis explicativos, a mostra explica, cun carácter pedagóxico e divulgativo,  cada unha das etapa creativa do proceso de ilustración, dende a creación en bosquexos sinxelos da idea inicial ao remate a cor dun debuxo xa finalizado.

A exposición compleméntase cunha conferencia na que Primitivo Marcos explica ao alumnado o proceso de ilustrar un texto, os pasos que este implica e as súas dificultades, incidindo nas posibilidades que ofrece a imaxe para narrar contextos históricos. Na charla, tamén aborda a  figura de Castelao como referente da ilustración en Galiza e  a súa obra, na que destaca a capacidade de crear imaxes sinxelas pero cargadas de simbolismo.

O IES María Sarmiento de Viveiro acolleu este luns a primeira das actividades deste ciclo, que percorrerá 13 centros de ensino da provincia ao longo de 2024, ofrecendo ao alumnado a posibilidade de achegarse a tarefa de ilustrar un texto, que, mais aló da banda deseñada, se aplica noutros ámbitos como o da creación publicitaria,  o da animación ou o deseño de moda.

Así, ademais de fomentar a creatividade e achegar ao alumnado á lectura de banda deseñada, a proposta ofrece recursos para  valoración e o fomento da mirada crítica das ilustracións que adoitan acompañar os textos.