O Correlingua chega a Lugo este mércores co apoio da Vicepresidencia da Deputación
A gran festa do Correlingua chega o mércores a Lugo da man da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a área de Cultura do Concello de Lugo. A praza de Santa María será o punto de encontro do estudantado que participa nesta carreira que reclama o uso do galego en todos os ámbitos, especialmente entre o alumnado dos centro de ensino.
Nesta primeira parada na provincia participarán centros de Lugo –IES Nª Sª dos Ollos Grandes, IES Ánxel Fole, IES Xoán Montes, IES Sanxillao, IES Muralla Romana, CEE Sta. María e CEIP Casás–, de Sarria –IES Gregorio Fernández–, Baralla –CPI Luis Díaz Moreno–, Meira –IES Pedregal de Irimia–, Guitiriz –IES Poeta Díaz Castro–, Cervantes –CPI de Cervantes–, Friol –CPI Dr. López Suárez–, Cospeito –CPI Virxe do Monte–. Castro de Rei –IES da Terra Chá José Trapero Pardo– e As Pontes de García Rodríguez –IES Castro da Uz–.
O vicepresidente da Deputación Efrén Castro, a deputada de Normalización da Lingüística Iria Castro e a concelleira de Cultura de Lugo Maite Ferreiro presentaron esta actividade festiva que este ano celébrase baixo o lema “Dende aquí ata acolá. Galego xa!”. As xornadas contarán con concertos, festas, regueifas, obradoiros, concursos son o centro dunha actividade que este ano acada a súa vixésimo cuarta edición.
Os representantes provinciais destacaron a importancia de incentivar eventos como “o Correlingua, que chamen á rapazada a reivindicar o uso do galego, e que o fagan de maneira festiva, sen prexuízos e desfrutando de todo o que ten que ofrecer o galego e a cultura”.
No caso de Lugo a música correrá a cargo de Cuarta Xusta e serán alumnos e alumnas do IES Muralla Romana e do IES Xoán Montes os encargados de ler o manifesto tras a intervención da deputada provincial.
Outras visitas
A área de Cultura provincial aposta por esta iniciativa que ademais do de Lugo achegarase esta edición a Monforte de Lemos, o 24 de maio, e a Burela, o día 29 sendo a última parada desta edición.
No caso de Monforte de Lemos a festa terá lugar no parque dos condes e actuará Mekánika Rolling Band e, no concello mariñán, a praza da Mariña acollerá a festa que contará coas actuacións de Paco Nogueira e o grupo Cuarta Xusta.
Os obxectivos das actividades desenvolvidas desde a asociación son a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar as accións a prol dela, sensibilizar a sociedade, a través da poboación infantil e moza, da importancia da defensa da lingua, asociar o uso do idioma a actividades colectivas, lúdicas e de interacción entre o alumnado de diferentes centros e localidades e contribuír a manter vivo o maior patrimonio creado polas galegas e os galegos.