A Vicepresidencia da Deputación impulsa o Correlingua que reúne a uns 800 alumnas e alumnas en Lugo
Uns 800 alumnos e alumnas de 16 centros de ensinanza da comarca de Lugo participaron este mércores no Correlingua, unha cita que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a área de Cultura do Concello de Lugo. A deputada de Cultura Iria Castro destacou a importancia desta iniciativa que pon o foco na “reivindicación do uso do galego entre a xuventude e a rapazada, e que o fagan dun xeito festivo, sen prexuízos e desfrutando de todo o que ten que ofrecer o galego e a cultura”.
A praza de Santa María e as rúas de Lugo reuniron ao estudantado baixo o lema “Dende aquí ata acolá. Galego xa!”. Tras a andaina, os asistentes contaron coa música de Cuarta Xusta e alumnas e alumnos do IES Muralla Romana e do IES Xoán Montes, ambos de Lugo, foron os encargados de ler o manifesto.
Nesta primeira parada na provincia participaron centros de Lugo –IES Nª Sª dos Ollos Grandes, IES Ánxel Fole, IES Xoán Montes, IES Sanxillao, IES Muralla Romana, CEE Sta. María e CEIP Casás–, de Sarria –IES Gregorio Fernández–, Baralla –CPI Luis Díaz Moreno–, Meira –IES Pedregal de Irimia–, Guitiriz –IES Poeta Díaz Castro–, Cervantes –CPI de Cervantes–, Friol –CPI Dr. López Suárez–, Cospeito –CPI Virxe do Monte–. Castro de Rei –IES da Terra Chá José Trapero Pardo– e As Pontes de García Rodríguez –IES Castro da Uz–.
A área de Cultura provincial aposta por esta iniciativa que ademais do de Lugo achegarase esta edición a Monforte de Lemos, o 24 de maio, e a Burela, o día 29 sendo a última parada desta edición.
No caso de Monforte de Lemos a festa terá lugar no parque dos condes e actuará Mekánika Rolling Band e, no concello mariñán, a praza da Mariña acollerá a festa que contará coas actuacións de Paco Nogueira e o grupo Cuarta Xusta.
Os obxectivos das actividades desenvolvidas desde a asociación son a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar as accións a prol dela, sensibilizar a sociedade, a través da poboación infantil e moza, da importancia da defensa da lingua, asociar o uso do idioma a actividades colectivas, lúdicas e de interacción entre o alumnado de diferentes centros e localidades e contribuír a manter vivo o maior patrimonio creado polas galegas e os galegos.