O Museo Provincial de Lugo incorpora unha escultura da Madalena penitente atribuída ao escultor Gregorio Fernández
As coleccións de arte sacra do Museo Provincial de Lugo veñen de ser enriquecidas gracias ao depósito, efectuado polo mecenas Adolfo Autric Amarillo de Sancho, dunha imaxe que representa a Madalena penitente segundo a iconografía barroca da época.
Antes deste depósito realizado ao MPL, esta peza estivo exposta no Museo de Belas Artes de Córdoba. Agora atópase en Lugo a disposición de toda a cidadanía, de xeito libre e gratuíto, a única obra atribuída a Gregorio Fernández que se amosa neste museo na sala 6 dentro dunha vitrina ad hoc. A pesar da orixe galega deste excepcional e recoñecido artista ata este intre non se dispoñía de obra da súa atribución, sendo o Museo Nacional de Escultura de Valladolid a institución cunha colección máis nutrida de imaxes do seu taller.
O lucense Gregorio Fernández (Sarria,1576-Valladolid,1636) desenvolveu a maior parte da súa produción artística no seu obradoiro de Valladolid desde donde surtía múltiples peticións de traballos. Vid: https://dbe.rah.es/biografias/9304/gregorio-fernandez. Sen dúbida, é o escultor máis representativo da escola barroca castelá ou vallisoletana e o maior imaxineiro do seu tempo, sendo recoñecida a súa laboura tanto en vida, con numerosos encargos, como trala súa morte, na historia da arte.
Cómpre agradecer profundamente o depósito desta escultura de vulto redondo en madeira tallada e policromada, realizado a cinco anos prorrogables, por parte de Adolfo Autric, así como as xestións do xornalista Paco Rivera cuxo impulso e interese fixeron posible esta realidade de ter representación da produción artística de Gregorio Fernández no MPL.