Cultura
Deputación de Lugo

Foz prepárase para a romería do Bispo Santo, que contará co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

Bispo Santo
Foz
IRIA CASTRO
DANIEL GARCÍA
Iria Castro e Daniel García destacaron o traballo da Asociación Cívico Cultural Bispo Santo na organición desta celebración popular a carón da ermida de San Gonzalo

Foz prepárase para celebrar a romería do Bispo Santo, que contará un ano máis co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A deputada de Cultura Iria Castro e o deputado de Rural Mar e Mocidade Daniel García reuníronse con integrantes da Asociación Cívico Cultural Bispo Santo de Foz, que impulsan a organización desta romería popular con 385 anos de historia.

Durante o encontro, incidiuse na vontade da asociación organizadora de manter o carácter popular e familiar desta romería, incluíndo na programación actuacións para público infantil e que procuran a interacción co público para soster o ambiente festivo durante o día a carón da ermida de San Gonzalo.

Nesa liña, encádrase a colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo nos tres últimos anos que, nesta edicion, se concreta no espectáculo Peter Punk, pensado para o público máis novo (sábado, 18 de maio, ás 18.30 horas), e a actuación da Mekanika Rolling Band (domingo, 19 de maio, durante a mañá).

Iria Castro e Daniel García, que estiveron acompañados por Zoraida Coira, Simeón Neira e  Benito García -edís en Foz -,  valoraron “o traballo da Asociación Cívico Cultural Bispo Santo para dar continuidade a unha celebración secular na que se expresa o sentimento de comunidade e de pertenza da veciñanza de Foz e que reflexa a importancia histórica da basílica de San Martiño”.

Desde as áreas provinciais, subliñaron tamén “o papel do tecido asociativo no mantemento das tradicións e da cultura” e reiteraron “o compromiso da área de Cultura con estes colectivos que salvagardan e difunden o noso patrimonio inmaterial”

A romería do Bispo Santo lembra a figura do bispo Gonzalo (s. XI), a quen a lenda popular atribúe a defensa de Britonia fronte ás invasións normandas. Segundo o mito, desde o monte da Grela, onde se refuxiou xunto a poboadores da zona, desatou unha tormenta de ondas e vento que fixo naufragar as embarcacións normandas fronte a Foz.

O pasado domingo domingo, romeiras e romeiros trasladaron a imaxe relixiosa desde a basílica de San Martiño ata a ermida de San Gonzalo,  no monte da Grela, onde se concentrará a actividade festiva durante a fin de semana, con comidas populares na zona dos merendeiros -este luns asignáronse os postos  – e animación musical durante as tres xornadas.

Na sesión vermú do venres actuará Tania Veiras, que repetirá na verbena, xunto a La Última Legión. O sábado haberá de novo sesion vermú coa orquestra Principal. A banda de gaitas Dambara de Burela e o espectáculo infantil Peter Punk animarán a xornada ata a noite, con verbena a cargo das orquestras Principal e Ritmo joven. O domingo actuarán  grupo D-Cano e Mekanika Rollng Band.  No recinto haberá postos de pulpo, xamón cocido e churrasco.