A Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia o Vibra Xoán, que abrirá o San Xoán de Sarria con actuacións de Nena Daconte e Niña Polaca
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia a celebración do Vibra Xoan, unha programación musical que renova e amplía o programa das festas de San Xoán con concertos os días 21 e 22 de xuño en Catro Camiños e no campo de rugby.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro, a concelleira de Festas Eugenia Valcárcel e o concelleiro de Acción Cultural César No presentaron o cartaz, no que destacan as actuacións de Nena Daconte e de Niña Polaca, referentes da escena musical estatal, e que incorpora o talento local cun concerto sorpresa dun grupo sarriao e a actuación de Louband. Ultramarinos e La Duendeneta completan a proposta musical que pechará coa orquestra La Fórmula.
Efrén Castro valorou “a variedade musical que o programa engade ás festas de San Xoán, dando maior proxección a unhas festas con moita tradición que son un referente máis aló de Sarria e da comarca” e destacou que “a colaboración co Concello na organización do San Xoán súmase ao apoio que a Vicepresidencia da Deputación achega ás diferentes iniciativas musicais, culturais e deportivas promovidas polo tecido asociativo de Sarria”
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega 5.000 euros para a organización do evento.